CRISE INDUSTRIAL

Noa Madera executa os despidos sen un acordo

Quedan na rúa 68 traballadores desta empresa de Fene e outros 28 marchan a un ERTE de 15 meses
Ferrolterra
Patricia Hermida
Unha das últimas protestas do persoal de Noa Madera. Foto: Comité

Golpe para os 158 traballadores de Noa Madera. A dirección desta empresa ubicada no polígono fenés de Vilar do Colo decidiu executar 68 despidos. Ademáis, enviará a outros 28 operarios a un ERTE de 15 meses de duración. Na sección da metal xa recibiron as cartas de despidos o día 8, e en loxística e oficinas chegarán o día 21. O comité de empresa denuncia que non houbo negociación e que se aproveitou a pandemia para aplicar estas medidas, alegando unhas causas económicas que os sindicatos non consideran probadas.

Segundo Víctor Díaz, da CIG, “o propietario Grupo Malasa plasma a súa intención de desfacerse do persoal, alega causas económicas pero non demostra as perdas pois ten unha facturación multimillonaria”. Lamenta que “aproveiten a pandemia para limitar a capacidade de mobilización, é grave a falta de escrúpulos de Malasa nun momento tan delicado ao despedir aos representantes dos traballadores, aos máis reivindicativos”.

Insisten na CIG en que a empresa quixo “desfacerse do persoal que tiña unhas condicións dignas, desmantelar as instalacións para levalas a Cerceda e renunciar a uns empregados de gran experiencia”.