O campo galego ten relevo xeracional

Un total de 278 mozos e mozas incorporáronse no ano 2020 á actividade agraria // O sector lácteo e o de vacún de carne son os máis solicitados // Catro acabados de chegar contan a súa historia
Rural
Lorena Rey

O campo galego está en proceso de rexuvenecemento. A pesar de que o relevo xeracional segue sendo unha das cuestións a mellorar no sector agrogandeiro, nos últimos anos moitos mozos e mozas apostan polo sector primario como saída laboral.

Durante o ano 2020, foron un total de 278 os menores de corenta anos que se incorporaron á actividade agraria grazas ás axudas que reparte a Xunta a través da Consellería de Medio Rural, e que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia.

Todas as solicitudes que cumpriron os requisitos foron aprobadas cunha achega media superior aos 37.000 euros por beneficiario. En total, son 10,30 millóns de euros cos que se garante o relevo xeracional no campo. Por sectores, unha vez máis, destaca o lácteo e o vacún de carne cun 35,6 % e un 20 % dos expedientes, respectivamente.

Segundo o balance facilitado por Medio Rural a este xornal sobre os expedientes asignados nos últimos dez anos; no 2016 foron 618 mozos e mozas os que se incorporaron ao agro. Esta elevada cifra débese a que o foi o primeiro ano de execución das respectivas axudas dentro do novo PDR. No ano 2019 foron 356, un diario.

Desde EL CORREO GALLEGO contactamos con catro mozos que optaron polo traballo diario nunha explotación gandeira ou agrícola e que non ven opción mellor que crecer no rural. Coinciden en que a suba notable do prezo da electricidade e da alimentación dos animais como os cereais ponos en apuros. Tócalles seguir remando para saír adiante.