O espírito emprendedor galego resiste á crise do coronavirus

A taxa de actividade sufriu un lixeiro parón na comunidade no peor ano da pandemia pero as expectativas de recuperación son boas
Lorena Rey
isabel Neira, directora técnica do proxecto GEM sobre a actividade emprendedora. Foto: P.F.

A crise da covid-19 provocou un lixeiro parón da actividade emprendedora, situándose a taxa de actividade emprendedora (TEA) en Galicia en 2020 nun 4,3 %, mantendo as mulleres, como xa sucedera en anos anteriores, un impulso emprendedor (5 %) superior ao masculino (3,5 %).

Así aparece reflexado no Informe Executivo GEM Galicia 2020-2021 no que se realiza un seguimento da actividade emprendedora na comunidade a partir de datos recollidos en setembro de 2020.

Dende GEM Galicia destacan a capacidade dos galegos e galegas para adaptarse ás situacións adversas con resultados positivos, xa que un 7 % da poboación mostraba intención de emprender nos próximos anos. “Estes datos, obtidos nun momento de total incerteza, permiten ser optimistas no proceso de recuperación da actividade emprendedora”. Esta foi a mensaxe que trasladou a directora técnica do proxecto GEM, Isabel Neira, durante a presentación dos resultados do informe do que se informou este martes.

Perfil: Persoas en idade adulta con estudos O estudo identifica tamén o perfil da persoa emprendedora en Galicia. A idade media sitúase en torno aos 40 anos, aumenta a porcentaxe que posúe estudos de formación profesional e superiores (o 43 % dos emprendedores e o 39 % no caso das emprendedoras), e nas iniciativas nacentes tamén destaca a porcentaxe dos emprendedores/as con estudos de posgrao (un 28 %).

As persoas emprendedoras presentan grandes doses de iniciativa e inquietude. En concreto, un 15 % esperaba xerar emprego en plena pandemia, momentos nos que a metade da actividade estaba paralizada, e o 19 % das súas iniciativas presentaban un marcado carácter innovador.

A falta de oportunidades no mercado de traballo, principal motivo para emprender Un dos cambios máis relevantes nun ano singular, foron as motivacións que lles levaron a emprender a estas persoas. Sete de cada dez iniciativas indicaban que a falta de oportunidades no mercado de traballo é unha das motivacións para desenvolver o seu proxecto, descendendo de modo considerable aquelas que nacen coa idea de marcar unha diferenza no mundo, dende o 35 % en 2019 ata ó 21 % en 2020. Ademais, a tradición familiar, que motiva a un 28 % dos emprendedores, segue a ser un dos motores das iniciativas.

Os emprendedores galegos son, en xeral, persoas que declaran ter habilidades e coñecementos para emprender. Neste sentido Galicia atópase por riba da media doutros países. Máis da metade manifestaban a súa intención de seguir xerando emprego, e ao redor dun 20 % puxo en marcha innovacións en produtos e servizos, e 15 % no caso de innovación en procesos.

Menos ingresos e máis dificultades O impacto da covid-19 supuxo para as iniciativas emprendedoras unha importante diminución de ingresos (no 58 % dos casos), máis dificultades na creación de empresas e dun xeito máis acusado nas de menos idade (76 %), un empeoramento das súas expectativas. Chama a atención que o 34 % dos propietarios de empresas xa consolidadas vían oportunidades durante a pandemia.

Máis medo ao fracaso entre a poboación en xeral Non obstante, o medo a fracasar e a percepción de poucas oportunidades para emprender continúan a ser os principais freos a actividade emprendedora, aínda que de xeito menos acusado entre as persoas emprendedoras. Entre a poboación en xeral, o medo ao fracaso é dun 65 %, mentres que entre as persoas emprendedoras baixa ao 52 %; no que respecta á percepción de oportunidades para emprender, o 17 % da poboación percibe oportunidades, mentres que entre os/as que xa emprenderon sube ao 19 %. Ademais, este índice é mais acusado no caso das mulleres, que perciben mais dificultades, aínda que, finalmente, alcanzan as mesmas ou superiores taxas de emprendemento.