Paro da frota artesanal galega contra a ‘espionaxe’ de Bruxelas

Control pesca
Esperanza Pouso
Instalacións pesqueiras sen actividade este venres en Portosín

Paro e sirenas soando a tope. Así manifestou este venres a frota artesanal galega o seu desacordo co novo regulamento de control da Unión Europea. No sector da pesca de baixura expresaron o seu rexeitamento e fixeron soar as bucinas dos barcos concentrados nos portos ás 12:00 horas. Nun comunicado, a Federación Galega de Confrarías informa que esta medida de protesta se acordou nunha reunión celebrada cos representantes do sector para abordar os principais aspectos que afectan á frota galega como que os buques estean obrigados a rexistrar as súas capturas de forma electrónica.

“Entendemos que para a frota artesanal isto é algo inviable, ademais de reiterativo, posto que a nosa frota xa realiza declaracións de desembarque ou notas de venda ou documentos de transporte” o que, sostén, é “máis que suficiente”. Tamén alude a outras cuestións como a xeolocalización e a obrigatoriedade de que todas as embarcacións de máis de catro metros estean xeolocalizadas, aspecto que desde o sector artesanal rexeitan. Respecto diso, argumenta que a frota galega deste tipo “traballa na contorna das rías e en moitos casos agrupados”.


Apoio municipal. Por outra banda, explica que a proposta que a Federación Galega de Confrarías expuxo ós 63 pósitos da comunidade foi amarrar a frota artesanal en sinal de protesta “pola falta de consideración da Unión Europea en xeral, pero dos relatores desta iniciativa española en particular que visitaron Galicia e que non atenderon ás demandas do sector artesanal galego”.

En base ao rexeitamento por estas e outras cuestións, ademais do paro da frota artesanal, acordaron dirixirse á Federación Nacional de Confrarías para informarlle da súa postura e solicitar apoio nos concellos galegos para que aproben mocións de respaldo á frota artesanal e en desacordo co novo regulamento de control. Tamén esixen o cesamento da parlamentaria Clara Aguilera (PSOE), “relatora da iniciativa española que non tivo en conta as peticións do sector e continuou adiante co seu informe a pesar de todo”, argumentan.

Desde a Xunta. A conselleira do Mar salientou que a “actividade responsable e respectuosa co medio ambiente da frota galega”, e en particular a amparada pola etiqueta Pescaenverde, debe ser atendida polas autoridades comunitarias. Rosa Quintana, que participou no acto de entrega desta certificación a seis confrarías de pescadores, subliña que este tipo de distintivos contribúen a dar valor aos produtos da frota artesanal de Galicia e a facer ver que o seu labor se desenvolve de xeito sustentable, cun baixo impacto no medio. Xa son 33 os pósitos que a teñen ao sumarse Vilaxoán, Cabo de Cruz, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cedeira e Ferrol

BNG. Nunha visita ao Porto de Vigo a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda; as deputadas no Parlamento Rosana Pérez e Carmela González; e o portavoz municipal do Bloque, Xabier Pérez, onde criticaron as decisións de PP e PSOE na Eurocámara prexudiciais para o sector pesqueiro e marisqueiro galego.