“Queremos proxectar todo o que facemos no centro a nivel docente e investigador”

Lorena Rey
Rosa Romero, natural de Dodro, é a primeira muller en dirixir a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo. Foto:USC

Que a levou a presentarse ao cargo de directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC?

Despois de varios anos asumindo tarefas de xestión na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría pensei que podía dar un paso máis asumindo máis responsabilidades. Por sorte conto cun equipo sólido que me vai acompañar neste proxecto.

Que melloras se propoñerán para os vindeiros anos?

Imos seguir traballando por manter os estándares de calidade educativa xa recoñecidos. O noso centro conta co certificado do Sistema de Garantía Interno de Calidade concedido pola ACSUG, estamos acreditados institucionalmente pola Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación e todas as titulacións habilitantes da Escola están avaladas internacionalmente co selo EUR-ACE.

Tamén queremos proxectar hacia fóra todo o que se fai no noso centro tanto a nivel docente como investigador. Que se nos coñeza polo que somos, pola nosa excelencia educativa, polos títulos que impartimos, entroncados directamente cuns dos motores económicos de Galicia, que son os recursos naturais, e polo nivel formativo que acadan os nosos egresados, con un alto grao de inserción laboral (en algúns dos graos do 100 %) e ademais moi ben valorados polos profesionais que os contratan.

Seguiremos a traballar na captación de alumnado, apostando tamén en colaboración coa Reitoría, por vías de comunicación académica con países do continente americano e no eido da lusofonía.

Imos impulsar o Comité Consultivo, creado xa no 2017, e que pola situación sanitaria quedou nun segundo plano, para reflectir a situación actual, coa existencia dos graos en Robótica e en Paisaxe, e para integrar tamén nesta nova etapa todos os actores, tanto internos como externos (empresas, institucións, colexios, egresados) que nos poidan axudar a orientar a docencia segundo as necesidades da sociedade.

O estudantado é a razón de ser de calquera centro educativo. E por suposto, será outra das nosas prioridades nestes catro anos que nos quedan por diante, potenciando a comunicación co alumnado e fomentando a súa participación activa nos órganos de goberno e da vida universitaria en xeral.

Hai posibilidades de que se amplíe a oferta académica?

Neste momento queremos consolidar a ampla oferta académica que temos. Impartimos cinco graos: grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, grao en Enxeñaría Civil, grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, grao en Paisaxe , grao en Robótica, dobre grao en en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria. E a maiores ofertamos o Grao Aberto “USC Ingenierías” e cinco mestrados.

Na actualidade estamos traballando na implantación dun mestrado interuniversatario en Vehículos Autónomos que dea contiuidade á formación dos graduados en Robótica.

Dáselle importancia á parte práctica en colaboración con empresas para ir adentrando ao estudantado no mercado laboral?

Parécenos fundamental que os alumnos ao mesmo tempo que están nas aulas coñezan de primeira man o traballo desenvolvido nas empresas ou institucións. Tamén é unha maneira de darse a coñecer e establecer conexión con posibles traballadores.

As prácticas externas son un activo moi importante, con amplo arraigo no noso centro e cunha extensa oferta, materializada nos máis de cincocentos convenios asinados ata a data. Este tipo de prácticas son moi demandadas polo noso alumnado e tamén moi ben valoradas polas empresas e institucións acolledoras.

A formación está adaptada ás novas tecnoloxías?

As enxeñarías xa son de por si titulacións de base tecnolóxica nas que combinamos docencia teórica con prácticas de ordenador, de software e de laboratorio nas que se empregan equipamentos tecnoloxicamente punteiros. Xa antes da situación da Covid se empregaban metodoloxías nas que se utilizan ferramentas TIC e durante a pandemia fomos quen de impartir o 100 % da docencia facendo uso da tecnolxía.

Consigue a Escola atraer con facilidade a alumnos/as doutros países?

Conseguimos captar bastante alumnado do exterior, máis a nivel de mestrado que de grao, e estamos a traballar cos responsables de mobilidade da USC para solventar os problemas administrativos á hora de formalizar as matrículas. Neste momento temos alumnado de numeroso países: Francia, Líbano, Siria, Mozambique, Moldavia, Colombia, China, Bosnia-Hezergovina, etc. O noso principal atractivo é a docencia en grupos reducidos e a boa sintonía entre o profesorado e o alumnado.

Sobre o relevo xeracional. Cal é a situación concreta neste centro?

Neste punto o noso centro parécese a moitas das facultades e centros non só do Sistema Universitario de Galicia, senón tamén do resto do estado español xa que moito do noso profesorado é froito do chamado “baby boom”.

Hai creados varios grupos de investigación. En cal participa vostede e cales son as principais liñas a tratar?

Un dos puntos fortes da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría é a investigación que se fai no Centro, que integra 18 grupos de investigación de recoñecido prestixio e supoñen un activo moi importante na captación de fondos en I+D+I, cunha media nos últimos cinco anos que supera os 5 millóns de euros anuais.

Eu pertenezo ao grupo de Investigación liderado polo profesor Antonio Rigueiro a Profesora Rosa Mosquera que leva por nome Sistemas Silvopastorais. Trátase dun grupo multidisciplinar que traballa en varias liñas de investigación, entre as que están os sistemas agroforestais e agroecolóxicos, o cambio climático e biodiversidade, a bioeconomía e economía circular e as plantas medicinais e aromáticas e herbicidas naturais.

Eu si ven colaboro cos demais membros do grupo estou máis centrada nos aspectos relacionados co aproveitamento das plantas medicinais no noso territorio. Tamén colaboro con investigadores do Ibader en temas relacionados coa caracterización da vexetación e da biodiversidade dos sistemas forestais galegos.

Que opinión ten da enxeñaría en Galicia?

A enxeñaría en xeral é fundamental para o progreso da nosa sociedade, en todas as actividades do día a día se precisan produtos, infraestruturas e equipamentos que proceden dos sectores produtivos vinculados a este ámbito como o agrícola, forestal, civil ou industrial.

O nivel da Enxeñaría en Galicia é punteiro a nivel internacional e os nosos egresados son demandados polas principais empresas dos sectores de ámbito nacional e internacional. Pero é certo que actualmente estas titulacións resultan menos atractivas para a mocidade porque en moitas ocasións os salarios non compensan as responsabildades destes profesionais.

Entre todos (Universidade, administración, empresas e medios de comunicación) temos que poñer de manifesto a importancia das enxeñarías para a calidade de vida, progreso e sostibilidade dos cidadáns da nosa contorna.