Román Rodríguez: “A Lei Celaá é a lei do tanto dá”

Educación
Charo Barba

Está estes días moi de actualidade a Lei Celaá, entre outras cousas porque parece que quere eliminar o castelán como lingua vehicular...

Eu creo que estamos ante un exemplo da peor política que se pode facer a nivel xeral e a nivel particular en educación. Unha lei educativa non é unha lei ordinaria, impacta fortemente no presente e no futuro dun país. Dá a sensación de que o Partido Socialista quere facer unha educación absolutamente partidista e de partido. Nada máis chegar rompeu o gran traballo que se fixera por lograr un gran pacto educativo. E a partir de aí neste momento están xestionando pola porta de atrás, sen ningunha información, sen ningunha participación, unha lei que non ten ningún sentido. Aposta por unha baixada da calidade, da equidade e da igualdade de oportunidades. É unha lei eu casi diría do tanto dá. Do aprobado xeral e do tanto dá, porque tanto dá aprobar como non, tanto dá que os profesores teñan formación pedagóxica que non, tanto dá que se exclúa unha lingua fundamental por presións políticas clarísimas. É dicir, é unha lei que nace morta, que non atende á diversidade do alumnado, que vai en contra de elementos vertebrais do conxunto de España e que denota que estamos ante un Goberno que non ten preocupación pola educación e que a utiliza como moeda de cambio para contentar aos seus socios nacionalistas.

Vostede volveu tomar a responsabilidade da Educación despois dun tempo, pero xusto ao inicio do curso e nun momento nada fácil...

É unha responsabilidade moi significativa, un grandísimo servizo público, un dos elementos que calibran a forza democrática dunha sociedade e que é fundamental para o presente e o futuro dunha sociedade. E foi nun inicio de curso absolutamente atípico, o máis complexo das últimas décadas, por suposto do actual século. Neste momento, a 2 meses xustos da miña toma de posesión creo que os piares do inicio de curso están solventados e os principais puntos problemáticos están asentados, encauzados.

E agora?

Agora basicamente o máis importante é mirar para adiante, para que a educación cumpra a súa función: formar ás persoas para o futuro, dotalas de competencias, de valores, e posibilitarlles a igualdade de oportunidades.

Van dous meses, pero foi chegar e remangar a camisa, porque o mesmo día citou xa aos sindicatos.

Estabamos nunha situación complexa, inédita, e había que actuar e tomar decisións. Non é que non se houberan tomado antes, que se tomaron algunhas e moi importantes, senón que era necesario ter un ritmo de acción potente porque había pouquiño tempo, pouco máis dunha semana. Cambiáranse os marcos do xogo nalgúns aspectos fundamentais, e refírome á Conferencia Sectorial de finais de agosto, onde o Ministerio fixa unhas normas que en certa medida condicionan unha gran parte do inicio de curso.

Que queda por facer?

Temos que seguir obviamente pensando en que o sistema educativo funcione na actual situación sanitaria, e que o faga ben, pero temos que pensar tamén nos piares que fundamentan a educación e no que significa un bo modelo educativo como o que hai en Galicia.

Á parte da covid, notou moito cambio dende a súa anterior etapa?

O máis importante, sen dúbida, foi o marco sanitario. A gran diferencia foi que xunto aos valores básicos da educación tiñamos outro piar, tamén fundamental, que era conseguir que os centros educativos fosen seguros, onde se poida desenvolver a actividade educativa nun marco de estabilidade no que é a dinámica hixiénico-sanitaria. Os principais esforzos nestes primeiros momentos foron orientados hacia aí e logrouse. Puxéronse en marcha medidas que están conseguindo que as escolas sexan espacios onde o virus non se transmite e onde hai un marco de seguridade no seu arredor, tendo en conta que todos os días entran e saen medio millón de persoas dos espazos educativos non universitarios.

As familias estaban preocupadas antes de empezar o curso...

Nese sentido fomos quen de tranquilizar e de vencer os temores que había inicialmente, fundamentalmente nas familias, respecto ao desenvolvemento ordinario das clases. Dígoo isto a dous meses, e dígoo con toda a prudencia e con toda a cautela. Ninguén sabe como vai evolucionar esta situación pero o que si temos que ter, e creo que o temos, son as medidas, os protocolos e as formas de facer as cousas dun xeito moi concreto que posibilitan que os espazos educativos sexan espazos seguros e que non haxa unha transmisión interior dos centros, salvo algún caso moi puntual.

Como están resultando os protocolos? Cada día van aumentando máis os casos...

Efectivamente, todos os días nas últimas semanas vemos que hai un incremento dos casos de infectados nos centros educativos. Esta subida é absolutamente parella á que existe na sociedade galega. Conforme evoluciona a situación no entorno, así se reflicte tamén nos centros educativos. Pero hai un dato moi importante que demostra que están funcionando ben, e é que practicamente o 90 % dos casos son de unha persoa ou dúas. Iso quere dicir que os centros non amplifican, non transmiten o virus, senón que as medidas implementadas, con moito esforzo por parte da comunidade educativa, están servindo de elemento que frea a transmisión dentro dos centros educativos.

Pero a proporción aumenta...

A proporción aumenta, é obvio, porque aumenta no conxunto da sociedade. Sempre estamos, desde os primeiros días, nunha situación arredor do 10-11 % dos casos xerais, que é moi por debaixo da porcentaxe, cando se compara, da poboación xeral en Galicia. Nese sentido hai un grandísimo esforzo. Eu todos os días estou falando persoalmente con moitísimos directores de centros, cos máis afectados, e todos me transmiten sen excepción que no interior non hai transmisión, os casos proceden de fora, de reunións familiares, reunións sociais, etc. E que os protocolos dan resultado. Tamén no lo din as autoridades sanitarias, a través do sistema de rastreadores

Seguen introducindo medidas?

Temos que seguir mellorando, perfeccionando. Mellorar as canles de comunicación e estamos facéndoo e corrixindo algunhas cuestións de detalle sobre a marcha. Puxemos en marcha un AutoCovid para escolares para que sexa máis rápida a identificación, as probas e os resultados. Imos crear un CSC (Centro de Seguimento de Contactos) especializado para o sistema educativo. É moi importante que entendamos que un caso nun centro educativo se multiplica polo número de alumnos que hai, porque se xenera un certo temor.

Tamén esta semana se tivo coñecemento dunha resolución do TSXG conforme non consideraba adoptar medidas cautelarísimas no senso de que algunhas familias pedían que se anulasen os expedientes de absentismo escolar para os seus fillos e se lles impartise a docencia on-line, porque na súa casa había algún familiar con unha enfermidade grave.

Asistir á clase é un dereito e unha obrigación. Obviamente existía un marco que regulaba esta situación e este marco cambia coa covid. É posible que xurdan alumnos que teñan certas patoloxías médicas ou que convivan dun xeito moi directo con algunhas persoas de alto risco de vulnerabilidade. No caso de que presenten unha petición de non asistir á aula, debe estar avaliada por unha situación sanitaria. Eso dío o Tribunal Superior de Justicia e Abogacía del Estado no sentido de que só dun xeito expreso onde prime a situación sanitaria e se demostre que efectivamente é así, pois hai que darlle unha resposta educativa.

Xa se tomaron medidas aquí?

A Xunta é absolutamente sensible con estas circunstancias, non pode ser doutro xeito, pero temos que ser respectuosos e calibrar ambos dereitos: o dereito e a obriga de asistir á clase co dereito a manter a seguridade sanitaria. Para iso, constituímos unhas comisións en cada provincia onde hai representantes educativos, sanitarios, de política social e dos propios concellos para dar unha resposta integral. No caso hipotético de que efectivamente haxa unha necesidade comprobada desde a perspectiva sanitaria, darase resposta educativa. Pero aquí sempre ten que primar o interese do menor a recibir a educación e tamén a obrigación de asistir a clase.

Falemos da universidade, concretamente da investigación científica. Parece que hai quen se deu conta agora da súa importancia...

Nós démonos conta hai tempo. Creo que a investigación universitaria é básica para o presente e para o futuro e en Galicia levamos tempo apostando, xunto coas universidades, por consolidar un sistema de investigación sólido, de involucralo co mundo empresarial e cos problemas reais da sociedade. En Galicia, a investigación universitaria conta con 8 centros de referencia en diferentes ámbitos que están funcionando a un altísimo nivel. Vimos de reforzar a aposta que temos coa captación de talento de moi alta calidade, unha convocatoria con 15 novas prazas, contamos no ámbito pre e posdoutoral en torno a 500 investigadores e estamos vendo como a estrutura de investigación universitaria está cada vez captando máis profesionais. Se a isto lle sumamos que na Xunta acabamos de crear unha comisión interdepartamental, entre as consellerías de Economía, Sanidade e Educación, creo que demostra a preocupación que temos dende o Goberno galego en converter a investigación nunha das palancas de futuro. En Galicia démonos conta hai tempo e pouco a pouco, dun xeito sosegado pero moi constante, estamos tendo mellorías notables. Outro dato moi importante que acaba de saír publicado: unhas convocatorias europeas moi importantes, de 7 para España 2 viñeron a Galicia.

Vai botar de menos xestionar o Xacobeo?

O Xacobeo é cultura e en Galicia a cultura é xacobea. As responsabilidades da coordinación xeral competen neste caso ao vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, que vai facer un gran traballo de coordinación, e eu vou seguir no ámbito do Xacobeo desde a perspectiva da cultura, co cal continuarei conectado e intentando que a cultura galega estea á altura do Xacobeo e tamén a cultura internacional poida estar presente en Galicia no Xacobeo e nos anos seguintes que veñan.

O venres inaugurose a mostra ‘As miradas de Isaac’ polo centenario do nacemento de Díaz Pardo. Cre que é unha homenaxe que lle debía Galicia?

Máis que unha homenaxe, eu creo que persoas como Díaz Pardo son transcendentais na Historia dun país, dun pobo como é Galicia. Por suposto, a súa relevancia está moito más alá dunha exposición, porque sabemos a súa traxectoria vital, a súa capacidade de creación, tanto no ámbito cultural como no empresarial. E a súa capacidade de vertebrar diferentes aspectos da nosa vida en todos os sentidos, no político, económico, social... Creo que son persoas que é unha mágoa que haxa poucas. A mín gustaríame que houbese moitos Isaacs, igual que moitos Amancios Ortega.

O mundo da cultura, imos chamarlle privada, esmorece pola covid-19. Foi a súa visita desta semana á Galería Trinta un xesto de apoio?

Dende o primeiro momento que tiven responsabilidades neste ámbito, que non me era alleo, unha das bases do meu traballo foi acompañar a cultura. Acompañala no sentido de crer nos creadores, crer na forza da cultura e crer que a cultura ten que ter a liberdade para crear, para desenvolver o seu traballo... e as administracións o que temos que facer é acompañar e facilitar. Eu apostei sempre por unha cultura aberta, inclusiva, integradora e que nos dea orgullo como país e como individuos. Na nosa acción cotián, sempre intentamos estar preto dos sectores sen ningún tipo de prantexamentos previos, sexan políticos, artísticos ou sociais. Cando se activa a situación de confinamento en marzo tivemos unha preocupación fundamental, que era manter as estruturas empresariais, axudar ás persoas que vivían da cultura e favorecer que se mantivera o emprego cultural, que en Galicia son arredor de 30.000 persoas.

E que se fixo?

Reformular toda a estrutura orzamentaria, incrementar os apoios económicos ao sector cultural e apostar por xeitos diferentes de facer as cousas, que posibilitasen seguir mantendo a cultura aberta, viva, e poder facer actividades dun xeito diferente, en formato absolutamente diferente, pero que nos permitise seguir mantendo a acción cultural. Nese sentido, o sector está dando un exemplo de capacidade de adaptación e de desenvolverse en entornos cambiantes.