Unha Galicia que coida da outra, o legado do xigante de nome Castelao

Reivindica o país ao gran referente do panteón de galegos ilustres // As súas preseas son para a música popular da Roda, o xornalismo de Pilar Cernuda, a comunicación de ‘Súper Piñeiro’, os custodios do Camiño e a atleta Ana Peleteiro
José Calviño
Luis Gutiérrez Perrino recolleu o premio como presidente das Asociacións de Amigos do Camiño. Foto: A. H.

O himno galego distingue ben entre os “iñorantes”, “feridos e duros”, “imbéciles e escuros”... e “os bos e xenerosos”. Os primeiros nunca serán nada para Galicia; unha escolma dos segundos, en cambio, recibiu onte en Compostela as Medallas Castelao, ese gran referente do fogar e nación de Breogán que algúns teiman en insultar en busca de atención mediática nun país que lles é alleo. É, en cambio, a terra do grupo de música tradicional A Roda, da xornalista Pilar Cernuda, o comunicador Xosé Manuel Piñeiro, a atleta Ana Peleteiro e xerme das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, merecedores das preseas.

Pechaba o acto celebrado no Pazo de Congresos compostelano ese citado himno cantado maxistralmente por Rebeca Rods, a grande vocalista, maxistral no gospel, acompañada pola Banda de Gaitas da provincia de Pontevedra. Antes, nun acto solemne e emotivo, marcado polas regras que impón a pandemia do coronavirus, Feijóo referíase a Castelao como un “dos xigantes galegos”, ao que a “nova Galicia” que rexurdiu coa democracia e o autogoberno “quixo situar no máis alto do seu panteón”.

Citando ao escritor italiano Umberto Eco, quen foi un gran coñecedor e amante da nosa terra, afirmou Núñez Feijóo que “camiñamos sobre os ombreiros de xigantes”, pois o noso progreso aséntase sobre o alicerce dos antepasados e das súas experiencias. Son os nosos mestres. Todos eses galegos e galegas do pasado e do presente “foron sometidos a probas moi duras” a pesares de que a veces “non triunfaron”. Son próximos porque son vulnerables, son coma nos.

“A Galicia actual é froito de millóns de galegos que caeron e volveron a levantarse”, dixo o titular da Xunta. Ese espíritu irreductible trasladouse a no tempo, considera, e axudou “aos nosos compatriotas nos momentos máis duros da pandemia”, agora en vías de ser mutada de “pesadelo en soño”, como xa pasou con outras negras etapas.

Pero a covid-19 deixa secuelas que van moito máis alá das económicas. Recordou Feijóo as 619 mortes, os hospitalizados, o confinamento... Neste trance, dixo, “houbo unha Galicia que coidou de Galicia con agarimo e profesionalidade ilimitados”.

No seu discurso indicou que a nosa forza está en que ningún galego é alleo para outro galego” e todos forman “unha rede de solidariedades” que “non é excluínte” e que favorece que non haxa “receos” na relación cos “demais pobos” que nos rodean.