Unha marea negra ‘freada’ pola solidariedade da sociedade civil

Técnicos, investigadores e testemuñas loubaron en Muxía, a ‘zona cero’, o labor do voluntariado
Aniversario
José M. Ramos
Pepe Formoso, moderador, á esquerda, Francisco Fernández Naval, Sven Schewebsch, Nacho Castro, Milucho Louro e Sole Méndez no encontro celebrado en Muxía. Foto: J. M.

O Parador da Costa da Morte, un dos fillos do Prestige, xuntou en Muxía, a ‘zona cero’, a catedráticos, profesores universitarios, xuristas e testemuñas de primeira man da maior catástrofe ambiental de Galicia para rememorar e avaliar, vinte anos despois, o pasado, o presente e tamén o que pode vir despois dunha ferida que deixou marca.

O encontro, promovido por Ecobas, o Centro de Investigación Interuniversitario, co apoio das empresas Fresco y del Mar, Bela Muxía e a rede de Paradores de España, serviu, ante todo, para reivindicar como clave o labor da sociedade civil e do voluntariado para facer fronte e borrar das nosas costas as pegadas da marea negra.

“Foron os verdadeiros protagonistas e os que deron un exemplo de dignidade, algo que non demostraron as administracións”, afirmou Emilio Louro que, naquel momento era o secretario da confraría de Lira (Carnota). O seu homólogo muxián, Nacho Castro, coincidiu en que “só á marea branca se lle poden dar todas as medallas”.

Foi esa sociedade, din, a que tivo que artellar, ante a pasividade inicial das administracións, a loita contra o chapapote. Nacho Castro viu claro desde o primeiro momento que se ían precisar moitas mans e, con tal fin, enviou correos electrónicos a universidades de toda España solicitando axuda. “E funcionou”, afirmou, pois aos poucos días, “xa tiñamos aquí os primeiros voluntarios, algúns chegados de Canada, Australia e de China”.

Unha marea humana que, co paso dos días, foi asolagando o litoral galego máis afectado. “En Muxía, o 27 de febreiro de 2023, tivemos que dar de comer e aloxar a 1.700 persoas”, lembrou Castro.

Algúns deses voluntarios non só traballaron durante meses limpando a costa, senón que mesmo se quedaron a vivir na nosa terra. É o caso Sven Schewebsch, un alemán afincado en Carnota, quen, exerceu de coordinador e, unha vez que se deron por rematados os traballos de limpeza, constituíu un grupo de voluntarios libres que seguíu varios anos baixando á costa para limpar as zonas nas que quedaba chapapote. Hoxe segue desenvolvendo labores medioambientais.

Sole Méndez seguiu un camiño semellante en Fisterra, despois de deixar atrás un proxecto de agricultura ecolóxica na Serra de Gata para vir a recoller chapapote. Hoxe traballa como mariscadora e “nuncha deixei de acudir ás praias que limpamos”. Lamenta, que vinte anos despois de que toda a sociedade se erguese en loita contra a contaminación “hoxe seguimso tendo un Prestige silencioso”, en alusión á gran cantidade de refugallo plástico que chega cada día de volta ás nosas costas.

Séntese unha galega máis, e tanto é así que, pouco despois de asentarse na vila fisterrana, tivo unha filla, hoxe unha moza, á que bautizou co nome de Alegría Fisterra.