A Baña reclama máis persoal sanitario para unha mellor atención no centro de saúde

O rexedor remitiu un escrito ao director de Atención Primaria e á xerente da área sanitaria de Santiago ante o colapto destas semanas
COVID-19
Redacción WEB
Centro de saúde da Baña.

A Baña. O Concello da Baña solicita o reforzamento do cadro de persoal do centro de saúde do municipio e máis da atención teléfonica e para iso puxéronse en contacto con Felipe Calle, director de Atención Primaria de Santiago; e a Eloína Núñez, xerente da área sanitaria de Santiago.

Nun escrito, asinado polo alcalde, José Antonio Pereira, o Concello informa aos responsables do Sergas en Santiago do colapso que está sufrindo estes días o centro de saúde por causa de chamadas vencelladas á incidencia da covid-19 e o cumprimento da corentena por parte dalgún dos membros do persoal sanitario.

Estas circunstancias, subliña o alcalde, provocan que os sanitarios que están traballando “non sexan quen de atender a todos os doentes que necesitan citas ou consultas”. Por iso, e facéndose eco do malestar e os prexuízos que a situación lle está ocasionando á veciñanza, reclama máis recursos de persoal que permitan atender os servizos presencial e telefónico do centro de saúde da Baña.