Duplica o investimento no programa PEL-Concellos para adicarlle seis millóns de euros, dos que máis da metade son para a área santiaguesa, O Barbanza e Costa da Morte // As contratacións primarán ós colectivos máis afectados polo paro TEXTO M. Boo

A Deputación aposta por crear 900 empregos nos municipios

Emprego
M. Boo
Un operario contratado por medio do programa PEL-Concellos traballa na obra dunha pista. Foto: D.C.

A Deputación da Coruña vén de publicar as bases do seu plan de creación de emprego nos municipios (PEL-Concellos), para 2021, que duplica o orzamento con respecto aos anos anteriores e chega ata os seis millóns de euros co obxectivo de crear preto de 900 empregos nos 82 concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes. Máis da metade, un total de 3,5 millóns están destinados a municipios da área santiaguesa, do Barbanza e Costa da Morte.

Os importes da subvención a recibir polos concellos varía en función da porcentaxe de persoas desempregadas coas que conta cada municipio, oscilando as contías a percibir entre os 38.000 e os 104.000 euros, o dobre que este ano.

Coa súa asignación do PEL- Concellos, os municipios coruñeses poderán financiar os custos salariais e de seguridade social derivados da contratación de novo persoal, ademais dos correspondentes aos cursos de formación en materia de riscos laborais que deban realizar as persoas contratadas segundo a lexislación laboral vixente.

Os operarios e operarias, que deberán ser contratados cunha xornada mínima semanal de vinte e cinco horas, realizarán labores como recollida e tratamento de residuos, limpeza de rúas, estradas e espazos públicos, melloras nos accesos aos núcleos de poboación e pavimentación de camiños ou mantemento e conservación de centros educativos. Os contratos poderán formalizarse entre o día 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021.

A Deputación esixe como requisito nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a colectivos coma os maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao existente entre os homes.

Ademais, dentro destes colectivos, as administracións locais primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.

No reparto, os 3,5 millóns da área santiaguesa, O Barbanza e Costa da Morte repártense como segue: Arzúa (74.000 euros), A Baña (68.000), Boqueixón (62.000), Brión (92.000), Dodro (62.000), Frades (50.000), Melide (92.000), Negreira (92.000), Ordes (104.000), Oroso (92.000), Padrón (104.000), O Pino (62.000), Rois (68.000), Santa Comba (98.000), Teo (104.000), Tordoia (50.000), Touro (62.000), Trazo (50.000), Val do Dubra (56.000), Vedra (62.000), Boiro (104.000), Carnota (68.000), Lousame (62.000), Mazaricos (62.000), Muros (92.000), Noia (104.000), Outes (74.000), A Pobra do Caramiñal (104.000), Porto do Son (92.000), Rianxo (104.000), Cabana de Bergantiños (74.000), Camariñas (86.000), Cee (104.000), Corcubión (50.000), Coristanco (98.000), Dumbría (68.000), Fisterra (86.000), A Laracha (104.000), Laxe (74.000), Malpica de Bergantiños (74.000), Muxía (74.000), Ponteceso (74.000), Vimianzo (92.000) e, finalmente, Zas (68.000).