Abórdanse en Boqueixón os perigos das novas tecnoloxías nos menores

Educación
Alba Prada
Un momento da charla. Foto: C. Boqueixón

BOQUEIXÓN. Os perigos das novas tecnoloxías. Ese foi o eixe temático sobre o que xirou a charla impartida na casa da cultura de Camporrapado, en Boqueixón. A sesión está encadrada dentro das accións do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas de Boqueixón-Teo-Touro, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. A charla, que foi impartida por profesionais dun gabinete psicolóxico de Santiago, fixo principal fincapé durante as dúas horas de duración no uso do móbil, as redes sociais, os videoxogos e os xogos en liña, e nos perigos que poden supoñer para os menores de idade. Para previr posibles condutas adictivas ofrecéronse unha serie de pautas a seguir e facilitáronse recursos como webs e series para que os e as familiares profundicen no tema. Asistiron unha quincena de persoas. A. P.