Abren as súas portas os furanchos de Vedra ao público de forma virtual

Viño
Alba Prada
Vista exterior do Pazo de Ximonde. Foto: C. Vedra

Vedra. Onte estreábase un novo vídeo do programa do Concello de Vedra V12 De Parroquia en Parroquia. Este mes San Miguel de Sarandón é a gran protagonista e, como non, o viño ten un lugar moi destacado. Nesta ocasión, a técnica de Cultura, Charo Canicoba, visitou o furancho De González, e falou co seu dono, Manuel González, que amosou o viño Lixeles da súa adega. Tamén entrevista a Manolo López, ao fronte do furancho Manolo de Casimiro. Non faltan nesta nova peza audiovisual a mención ao terceiro furancho da zona, De Cabaleiro, a historia do Pazo de Ximonde, nin a referencia ás bodegas Barallobre. E, por suposto, faise unha especial alusión á D.O Subzona Ribeira do Ulla. O audiovisual do vindeiro venres versará sobre a pesca e farase unha visita á estación ictiolóxica de Ximonde para falar do salmón. O último vídeo do mes centrarase na Asociación Cultural San Campio e no Pasabodeghas. Maio centrarase en San Pedro de Sarandón. A.PRADA