Amabul enche este maio e o verán de novas actividades

Medio Ambiente
Alba Prada
Amabul ensinando aos nenos e nenas do CEIP Plurilingüe de Toques a problemática da flora exótica invasora. Foto: C.V.

Vedra. A asociación medioambiental Amabul desenvolverá durante o vindeiro mes de xuño un curso de director/a de campos de voluntariado, homologado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Será impartido en modalidade mixta, é dicir, de forma presencial e online.

Para participar é necesario ter o título de director/a de tempo libre e experiencia como director/a do equipo de animación en, polo menos, un campamento de 15 días. As sesións presenciais serán os días 12, 19 e 26 de xuño e as online o 20 e o 27. É preciso anotarse antes do 31 de maio (o formulario pode atoparse na web de Amabul) e enviar o recibo de pago a amabul@amabul.org.

A asociación presenta tamén os campamentos de verán: o infantil (para nenos e nenas nados entre 2009 e 2015) e o xuvenil (nados antes de 2009). Para obter máis información e matricularse pódese visitar a web www.amabul.org. Tamén este mes, o día 29, na área recreativa de Agronovo, celebrarase unha xornada de voluntariado ambiental para eliminar a herba da fortuna das ribeiras do río Ulla. É de balde e hai que inscribirse previamente a través da web da entidade. A. P.