Amabul ofrece cursos ós colexios da zona do Ulla

Educación ambiental
Alba Prada
Voluntariado sénior de Amabul. Foto: Amabul

Vedra. A Asociación medioambiental Amabul continúa coa súa actividade. Neste caso poñen en marcha, un ano máis, a Aula Ambiental Ulla +21, composta por obradoiros dirixidos aos centros educativos, e financiada pola Deputación da Coruña.

Os cursos están destinados aos colexios da comarca natural do río Ulla, tanto para o alumnado de Educación Infantil, Primaria como de Secundaria. Segundo indican dende a asociación os obradoiros son interactivos e teñen unha duración de 50 minutos. Están adaptados aos diferentes niveis educativos “para sensibilizar ao alumnado na problemática das plantas exóticas invasoras”, puntualizan dende Amabul.

A proposta desenvolverase durante este mes e o vindeiro, de forma gratuita, nos propios centros escolares que o soliciten. Calquera mestre dun centro escolar da contorna da Ulla que esté interesado nesta formación non ten máis que enviar un correo electrónico ao enderezo amabul@amabul.org.

De momento, adianta o director Rubén Villasenín, están anotados o CPI de Vedra, o IES Lamas de Abade e o CEIP Nº1 de Melide. A. PRADA