Ames continúa crecendo en poboación co paso dos anos

A gran maioría dos seus habitantes están en idade de traballar e outros moitos encádranse no grupo dos mozos, garantindo así o futuro demográfico do concello
habitantes
Lorena Rey
Unha muller pasea con un carrito de bebé por unha rúa en Milladoiro. Foto: Concello de Ames/Arquivo

O concello segue medrando en poboación. A 9 de setembro de 2020, o número total de habitantes é de 32.527, o que supón un pequeño crecemento con respecto ao pasado ano, no que xa se superaban os 32.000 habitantes. Tendo en conta os datos provisionais que manexa o padrón municipal, o municipio contaba a finais do ano pasado con 31.793 habitantes.

Tras a consulta ao censo o pasado mércores , sabemos que dos 32.527 habitantes,13.522 corresponden a Milladoiro e 9.106 a Bertamiráns, que suman un total de 22.628 persoas. Os 9.889 restantes repártense entre as parroquias do rural. A máis poboada é Bugallido con 1.579 poboadores e a que menos Lens, con 88.

Con estas cifras, Ames segue sendo un dos concellos que máis medra da comunidade galega, contando ademais cunha alta porcentaxe de poboación nova. Dende o ano 2000, o concello de Ames duplicou a súa poboación, pasando de 16.549 habitantes aos 32.527 cos que conta a día de hoxe. En canto a sexos, en Ames segue a haber unha certa paridade. Sen coñecer as cifras deste ano e analizando as do ano anterior vemos que había censados 15.236 homes, mentres que o número de mulleres era de 16.557.

Cabe mencionar que cos datos de 2019,Ames converteuse no Concello número 13 de Galicia superando ao Concello de Carballo e moi cerca do de Arteixo que tamén superaba os 32.000 habitantes. A progresión do Concello de Ames está a ser superior ao do resto de municipios e así nos últimos tres anos está a escalar postos no ranking xeral de habitantes dos concellos galegos superando a Redondela, Culleredo e Carballo -nas últimas anualidades-.

Os datos do INE correspondentes ao 2019 dinos que o de 31.793 habitantes do concello, un total de 5.848 habitantes era menor de 16 anos. Entre 16 e 64 había 22.101 veciños e maiores de 64 eran 3.844 habitantes, a cifra máis baixa. Datos que nos veñen a dicir que a maioría está en idade de traballar o que apoia o crecemento das empresas e servizos do concello.

A considerable cifra de nenos e nenas fai que a oferta de ensino sexa amplia. Hai dúas escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena. Outras duas escolas infantis da Rede A Galiña Azul, unha en Bertamirans e outra no Milladoiro. Unha escola de educación infantil no Milladoiro (EEI Milladoiro). Como colexios: Ceip da Maia,Ceip de Barouta, Ceip Agro do Muíño, Cep de Ventin. E dous institutos, un Bertamirans e outro no Milladoiro. Tamen está o colexio Alca que é privado.

EMPUXE DE NATALIDADE. Neste sentido, destaca que Ames é o municipio da Área Urbana de Santiago con menor media de idade, onde o saldo entre natalidade e mortalidade é de cinco puntos favorable aos nacementos (feito que só se da igualmente en Oroso, donde o saldo positivo é de tres puntos). O seu índice de envellecemento (46,5%) é case dous tercios máis baixo que o de Santiago (120,1%), mentras que a tasa bruta de nupcialidade é a maior da área de Compostela. Esta información ven reflexada no informe de Estrategia de Desarrollo Sostenible Integrado de Compostela 2015-2025.

RAZÓNS POLAS QUE O CONCELLO ESTÁ A MEDRAR NOS ÚLTIMOS ANOS. O Concello de Ames, constitúe un caso caracterizado por dúas importantes especificidades: por unha banda o seu desenvolvemento condicionado non só pola súa dinámica interna, senón tamén pola evolución dos factores dos concellos limítrofes, moi especialmente de Santiago; e por outra banda, a súa poboación urbana está dividida en dous núcleos de similar dimensión, condicionando o desenvolvemento do comercio, dos servizos, etc, que son Bertamiráns e Milladoiro.

O comercio polo miúdo e un dos principais sectores económicos do municipio, pero nos últimos anos debido ao tipo de poboación e á apertura de diferentes espazos como o polígono empresarial do Milladoiro, os lofts de iniciativa privada e espazos de traballo colaborativo públicos, estase a producir un importante incremento das actividades relacionadas coas novas tecnoloxías e a comunicación o que evidencia un cambio no modelo produtivo.

O prototipo produtivo comarcal ten influencia no local. A calidade de vida e os servizos de conciliación que se prestan dende o municipio permiten que empresas punteiras no sectores da comunicación e as novas tecnoloxías implanten os seus servizos en Ames. Este pode ser o caso de empresas relacionadas coas novas tecnoloxías galardonadas a nivel internacional como Tecalis ou Bahía software e productoras de audiovisual que traballan a nivel nacional como zenit tv.

Así mesmo, Ames estableceu sinerxias entre os novos emprendedores e as empresas consolidades mediante programas como o Innovames, e froito desta política innovadora pode formar parte hoxe en dia da “Red Innpulso de ciudades innovadoras” dependente do Miisterio de Ciencia e Innovación.

O Concello ven de adquirir este mesmo ano un espazo de traballo colaborativo no Polígono empresarial do Milladorio chamado “A Proa” cofinanciado pola Deputación da Coruña. Neste novo espazo, porá a disposición de emprendedores/as e empresas da comarca servizos e infraestruturas físicas de apoio para o desenvolvemento dos proxectos empresariais na fase preliminar. Será un espazo de acollida temporal pensado para empresas e autónomos nos seus primeiros pasos.

Con esta iniciativa, o Concello de Ames quere dar un paso máis no ámbito da promoción económica e empresarial que vén desenvolvendo e incidir máis no fomento da cultura do emprendemento, pois existe unha correlación positiva entre a promoción do espírito emprendedor e os resultados económicos en termos de crecemento, supervivencia de empresas, innovación, creación de emprego, cambio tecnolóxico e incremento da produtividade que ofrece perspectivas de desenvolvemento socioeconómico para Ames e a comarca.