Ames debaterá as modificacións do IBI e o pago da sentenza polo lixo hoxe en pleno

No tripartito tan só divulgan a bonificación dese imposto, pero sen citar a suba que xa está a trasladar á veciñanza
Impuestos
Marcos Manteiga
Unha anterior sesión plenaria celebrada pola Corporación amesán, e que este xoves terá carácter estraordinaria. Foto: CA

Ames. A Corporación amesá celebra hoxe ás oito e media da tarde un pleno extraordinario no que se reformará a ordenanza do IBI, que o Concello pretende disparar do 0,44 ao 0,50 no ámbito urbano. Ademais, o tripartito vai ter que aprobar unha modificación de crédito pola sentenza que lle gañou por un cuarto de millón a entidade xestora do lixo, derivado a Serra do Barbanza.

Así as cousas, no comunicado remitido polo executivo que dirixe o socialista José Miñones non se di nada do previsible aumento do Imposto de Bens Inmobles que vén de anular a Xustiza por non ser convocados ao pleno os edís do PP. A suba, sen embargo, continúa en vigor porque o goberno local optou por apelar a decisión. E as queixas están empezando a chegar dende a veciñanza, que divulga incrementos de ata 30 euros neste recibo local. Precisamente, só se cita a necesidade de abordar a aprobación de “novas bonificacións” da ordenanza do IBI.

Estas fanse, ademais, “co obxectivo de ampliar os beneficios fiscais para o fomento de emprego co obxecto de suavizar a carga impositiva das empresas e reactivar o tecido empresarial local na recuperación da crise económica da covid”.

Tamén se debaterá e se someterá a aprobación un suplemento de crédito para por en marcha un Plan de Reactivación que recolla iniciativas para paliar ou mitigar as consecuencias económicas e sociais derivadas de dita crise e permitan soster o tecido produtivo, así como a aprobación doutro suplemento de crédito para gastos xerais, financiados con cargo ao remanente de tesourería, para facer fronte ao citado fallo xudicial. Por outra banda, o pleno debaterá a aprobación do proxecto modificado de mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro, por 383.259 € e dentro do POS+ 2017 (a variación tras a licitación é de 16.717 €). o. d. v.