Ames, o concello galego coa idade media máis baixa, ten 8 centenarias

Recoñecementos
Marcos Manteiga
O alcalde, á esquerda, felicitando a Carmen María Cobas, de 101 anos e veciña de Punxeiras Altas. Foto: Concello de Ames

Ames. O goberno municipal comezou unha rolda de visitas ás persoas centenarias que terá continuidade no tempo. Deste xeito, durante as últimas semanas o alcalde, Blas García, e maila concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, visitaron a tres persoas centenarias. O obxectivo é poñer en valor ás persoas maiores do concello. O rexedor, Blas García, destaca que “Ames é un concello eminentemente xoven, coa idade media máis baixa de Galicia, pero tamén hai que poñer en valor a todas as persoas maiores do municipio”. Actualmente conta con 8 mulleres con 100 ou máis anos. Ademais, hai 3.067 persoas maiores de 70 anos (1.802 mulleres e 1.265 homes). Por franxas de idade; de 70 a 79 hai 1.927 persoas (1.069 mulleres e 858 homes); de 80 a 89 anos existen censadas 893 persoas (554 mulleres e 339 homes); e de 90 a 99 anos están rexistradas 239 persoas (171 mulleres e 68 homes).

A primeira visita realizouse a Elvira Fernández Jardón, que ten 100 anos e reside na rúa de Agro da Madalena, no Milladoiro. A segunda foi a Cecilia Blanco Blanco, de 101 anos, que vive na rúa Paraxe do Porto, en Bertamiráns, e a terceira foi a Carmen María Cobas Antiqueira, tamén de 101, da aldea de Punxeiras Altas, na parroquia de Ortoño. M. M.