Ames premia a Ollar e ‘Código Cero’ pola difusión do galego

Cada unha foi recoñecida con 1.500 euros coma empresa de nova creación e por uso consolidado
Galego
Marcos Manteiga
Os premiados Xosé M. Fernández e Mª Martínez (cos diplomas), munícipes e técnicos. Foto: CA

O Concello de Ames recoñeceu por terceiro ano, e cun galardón, a labor de difusión do galego por parte dos comercios e compañías asentados no municipio. E nesta edición, efectuouse a entrega do Premio Lingua e Empresa á revista e web de novas tecnoloxías Código Cero, recollido por Xosé María Fernández Pazos, e ao Centro Óptico e Auditivo Ollar, representado por María Martínez Cebey.

Estas honras foron outorgadas, segundo a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, por “apostar pola lingua galega no eido empresarial e nos vosos negocios para dar fe de que o galego é un elemento que achega calidade, proximidade, diferenciación e innovación”, mentres que a edil de Promoción Económica, Belén Paz, referiuse ao “ano moi difícil” que atravesa boa parte do texido produtivo.

Pola súa banda, dende o xurado do Premio Lingua e Empresa suliñaron o “valor engadido” e “diferenciación” que lle otorga aos establecementos o uso regular do idioma de Castelao, sen esquecer a sensación de proximidade e calidade que levan aparelladas.

As dúas categorías, con premios de 1.500 euros cada unha, foron a de uso consolidado da lingua, que recibiu Código Cero por empregar de xeito “estable” o galego. O seu representante non dubidou en pedir que se consoliden os galardóns coma acicate.

A segunda, para firmas de nova creación (nos últimos dous anos), recaeu en Ollar, un centro óptico e auditivo do Milladoiro que incorporou o idioma da terra dos mil ríos á súa actividade de maneira regular, coherente e implicada, apostando claramente polo galego “en todos os eidos”.