Ames únese ao apagón contra o cambio climático

Cambio climático
ARCA
O apagón deixa impresionantes imaxes do Planeta.

ames. Unha deputación e 21 concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade uniranse este domingo, 5 de xuño, ao apagón convocado pola entidade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano se conmemora baixo o lema #OnlyOneEarth. O Concello de Ames únese a esta acción apagando, a partir das 23.00 horas, a capela da Madalena, no Milladoiro, e o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A través desta iniciativa suspenderase a iluminación pública de consistorios, prazas, igrexas, torres e outros monumentos co fin de concienciar sobre o consumo de enerxía. A acción encádrase no proxecto europeo People and Planet, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático. Explican que aínda que o consumo enerxético diminuíu en Galicia un 11 % en 2020, tratouse dunha caída conxuntural debida ao descenso da actividade pola covid. “Segue a ser, por tanto, un tema preocupante na actualidade, polo seu impacto ecolóxico pero tamén na economía das familias, de aí que cumpra seguir fomentando o aforro de enerxía, sen deixar de lado a visión crítica sobre os actuais sistemas de produción. Tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta ou elixir aparellos de baixo consumo”, mantén o Concello. arca