Arrancan con 70 inscritos os cursos de natación de xullo para os amesáns

Deporte
Claudina Estévez
Os cursos de natación arrancaron o día 1. Foto: C. Ames

PISCINAS. Este verán a concellería de Deportes organizou varias actividades para gozar das piscinas descubertas ao longo dos meses de xullo e agosto. Unha iniciativa que foi ben acollida polos amesáns, xa que para este mes hai un total de 70 inscritos: 50 das inscricións son para a piscina do Milladoiro e vinte para a de Bertamiráns. Os cursos de natación, que arrancaron o día 1, impártense de luns a venres nas piscinas descubertas e están organizados en función da idade dos participantes. Os máis madrugadores son os maiores de dez anos que comezan ás 11.15; ás 12.00 horas é a quenda daqueles e daquelas que teñan entre 8 e 9 anos; xa ás 12.45 será a vez da rapazada de entre 6 e 7 anos; e finalmente ás 13.30 é o momento dos pequenos e pequenas de entre 3 e 5. O 12 de xullo abrirase o prazo para anotarse nos cursos de natación que se impartirán en agosto. Os interesados poderán facelo a través da plataforma Cronos ata o 23 deste mes. O Concello organizou ademais un curso de piragüismo que se impartirá na Praia Fluvial de Tapia. O número de persoas inscritas para esta actividade é de 25 participantes para o mes de xullo. Está dirixido a nenos e nenas nados entre 2007 e 2013 e impartirase de 11.00 a 12.15 horas neste mes e no seguinte. C.E.