As Escolas Deportivas de Boqueixón adáptanse ás novas restricións marcadas polo covid-19

Os grupos de persoas participantes redúcense a catro por aula máis monitor ou monitora
Deporte
Redacción WEB
Catro persoas xunto a unha monitora durante unha clase de ximnasia, en Boqueixón.

Boqueixón. O Departamento de Deportes do Concello de Boqueixón vén de adaptar o desenvolvemento das súas actividades deportivas ofertadas dentro do marco das Escolas deportivas ás restriccións implementadas pola evolución da pandemia.

Deste xeito, e tendo en conta as últimas restricións ditadas polas autoridades sanitarias, acordouse desdobrar os grupos de participantes nun máximo de 4 persoas máis monitor ou monitora. Así, as disciplinas, que se soen impartir dúas veces á semana, pasarán a impartirse unha única vez para respectar as medidas de prevención contra a expansión da COVID-19. “O obxectivo é que a poboación asistente poida manter un mínimo de actividade física á semana”, explican dende o Departamento de Deportes boqueixonés.

Mantéñense igualmente todos os protocolos básicos de seguridade entre as persoas asistentes: uso de máscara permanente, desinfección de mans e mantemento da distancia interpersoal de seguridade. Do mesmo xeito, as instalacións onde se practican as distintas disciplinas deportivas contan con itinerarios marcados de entrada e de saída para que non coincidan as persoas asistentes.

Dende o Concello de Boqueixón lembran a importancia de extremar as precaucións. O municipio pasou a nivel 2 de alerta, con entre 14 e 21 contaxios nos últimos sete días, polo que cómpre seguir todas as medidas de seguridade e prevención ditadas polas autoridades sanitarias.