SE EU FOSE ALCALDE ...

... “Aumentaría a limpeza e faría zonas verdes”

Gustavo Loureiro, electricista
Se eu fose alcalde
Alba Prada

Residente en O Milladoiro, divorciado e con dous fillos, que tres cousas faría en favor dos veciños e veciñas?

Primeiro, centraríame na limpeza das xardineiras, porque na rúa Palmeiras está todo esquecido. Tamén o descampado que temos na zona da igrexa habería que limpalo. Segundo, coidaría o mobiliario urbano, porque as xardineiras que hai polo centro do Milladoiro están cheas de terra e non teñen nin herba. Dun tempo a esta parte, a zona da rúa Palmeiras está moi esquecida, non veñen nin limpar nin cortar. É dicir: esta zona daquí darriba do Novo Milladoiro está abandonada, non sei onde está o Concello. E terceiro, poría máis zonas verdes, xa que o parque que están a facer aquí arriba comezárono no mes de outubro e estivo cerrado ata marzo. E agora que tiña que estar finalizado, está en obras.

Que é o mellor de vivir no concello de Ames?

A situación, posto que está preto de Santiago e os prezos son máis baixos. Tes ademais outra mobilidade que non tes alí.

E o que peor leva?

O esquecida que vexo dende hai un tempo a zona da rúa Palmeiras, porque non se está limpando. Non sei se non hai xente ou que sucede, pero parece que no Milladoiro non pagamos os mesmos impostos que os habitantes de Bertamiráns.