Axudan aos hostaleiros amesáns elaborando unha lista dos que ofrecen servizo a domicilio

Hostelería
Alba Prada
Aparecerán na listaxe os servizos que ofrecen. Foto: Pexels

Ames. Despois das restricións decretadas para a hostalaría a consecuencia da nova normativa de loita contra a COVID, o Concello de Ames, a través da concellaría de Promoción Económica, volve pór en marcha unha iniciativa de apoio ao sector hostaleiro que consiste na elaboración dunha lista na que aparecen todos os establecementos que ofrecen durante este período servizo de recollida no local ou reparto a domicilio. As cafeterías, bares e restaurantes que desexen estar na listaxe poden enviar un correo ao enderezo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal, indicando o nome do establecemento, o número de teléfono, o enderezo e, no caso de tela, a páxina web. Aparecerán todas as ofertas que posúen cada un dos establecementos.

Por certo que dende o goberno local informan de que a campaña ‘Zocos e Trasnos’ do Nadal foi todo un éxito, posto que este ano participaron 25 veciños e veciñas máis ca nos anos anteriores. A través desta iniciativa, que vai pola quinta edición, recibiron o seu agasallo de Reis 200 nenos e nenas. O Concello agradece a xenerosidade, pois “superouse o número de trasnos”. A.P.