Boqueixón abre ata o día 12 o prazo para anotarse no Nadal Activo

Educación
Alba Prada
A primeira sesión está prevista para o día 23. Foto: Pexels

Boqueixón. Achéganse as vacacións de Nadal e, con elas, as dificultades para conciliar vida laboral e familiar. É por iso que o Concello de Boqueixón ofrece un ano máis o programa lúdico-educativo denominado Nadal Activo.

As actividades desta iniciativa están dirixidas aos estudantes de educación Infantil e Primaria do municipio e aos nenos matriculados nalgún centro escolar da vila. As sesións desenvolveranse os días 23, 28, 29 e 30 deste mes e os días 4, 5 e 7 de xaneiro nas instalacións municipais do Forte e no CPIP Antonio Orza Couto. O horario será de 09.00 a 14.00 horas.

Todas as familias interesadas teñen ata o día 12 para inscribirse. Deberán enviar a ficha de solicitude e a documentación requirida ao rexistro municipal. Iso si: dende o Concello lembran que a opción preferible é a telemática, é dicir, a través da sede electrónica. Respecto ao custe, o prezo será de 25 euros para o programa completo e de 5 euros por días soltos, e ofrécense unha serie de bonificacións segundo as situacións familiares. Os que desexen máis información poden chamar ao 981 513 115. A. P.