O programa CoidarNos, que axuda á xente que atende a persoas en situación de dependencia, cumpre cinco anos // Ubicaron unha placa conmemorativa na Carballeira de Rodiño // As sesións buscan que expresen as emocións Alba Prada

Boqueixón colócase no mapa das vilas máis comprometidas

Servizos Sociais
Alba Prada
As persoas coidadoras, acompañadas do alcalde Manuel Fernández (4º esquerda), dos concelleiros José Manuel Iglesias (2º esquerda) e Ana Seijo (1ª esquerda), de Marina Vidal (6ª esq.), Ana e Yolanda. Foto: C. B.

Boqueixón álzase como un dos municipios comprometidos cos coidados das persoas en situación de dependencia, algo que vén de confirmar a placa que o concello estrea na Carballeira de Rodiño (na parroquia de Sergude). Nela pode lerse o lema ‘Boqueixón, medra ao CoidarNos’ unhas verbas que conmemoran o quinto aniversario do programa do mesmo nome (CoidarNos) que nacía no 2016 grazas á decisión da psicóloga do CIM, Yolanda Neira, e a traballadora social municipal, Ana Anta. “Froito do noso traballo por separado detectamos unha necesidade que non estaba cuberta”, explica Ana. Refírese en concreto ás persoas coidadoras, que precisaban unha sesión de apoio na que poder explicar as súas preocupacións e na que ser escoitadas.

O acto conmemorativo desenvolveuse en tres partes. Arrancou cunha actuación musical de Marina Vidal, que interpretou unha peza popular que ilustra a importancia da axuda. As artífices do programa, Yolanda e Ana, tomaron a palabra para expresar o que estes cinco anos significaron para elas a nivel persoal e profesional. “Aproveitamos para darlles as grazas ás persoas coidadoras porque dende logo, o agradecemento é bidireccional”, indica Yolanda. Tamén a concelleira de Servizos Sociais, Ana María Seijo, destacou o labor realizado polas dúas coordinadoras durante este lustro. “Un traballo grazas ao cal colleitaron diversos recoñecementos tanto a nivel autonómico como nacional”, dixo. Xunto a edil, tamén estivo presente o alcalde boqueixanés, Manuel Fernández, e o concelleiro de Economía, José Manuel Iglesias. Houbo por suposto representación dos participantes de CoidarNos, en concreto, sete dos nove que actualmente acoden ao programa.

Tralas intervencións, Ana e Yolanda descubriron a placa e entre todos os presentes plantaron un carballo. “Cada un deu unha palada de terra para axudar a plantar esta árbore, símbolo de coidado e crecemento”, explica Neira. A xornada rematou coa proxección dun vídeo no que participaron diferentes persoas que colaboran de xeito altruísta nalgunhas sesións desta iniciativa.

CoidarNos desenvólvese o penúltimo luns de cada mes en horario de 17.00 a 19.30 horas. A aula está ubicada no local social de Sergude, aínda que por mor da pandemia trasladáronse a outra máis ampla na mesma instalación. Alí, unha vez ao mes, reúnense todos aqueles que teñen alguén ao seu coidado, pois saben que é un espazo cómodo no que expresar as súas emocións. “Hai persoas que levan connosco dende a primeira sesión, e a evolución foi incrible. Agora son capaces de pór límites”, conta Ana. E é que hai que ter en conta que todos eles chegaron ao programa con síntomas como esgotamento físico ou psicolóxico dado que estaban a deixar de lado a súa propia vida por atender as necesidades doutra persoa.

“Ao principio as sesións xiraban arredor da xente á que axudaban, pero agora falan deles mesmos, o que reflicte a evolución”, apuntan. “Antes de cada sesión planificamos os contidos con antelación. O que facemos é dotalos dun espazo para expresarse. Ao comezo custáballes máis abrirse, e por iso consistían máis en darlles información e en charlas con persoal de enfermería, fisios ou técnicos deportivos municipais. Agora xa nos centramos máis nas emocións”, indica a traballadora social. “Tamén falamos do loito e da morte e aproveitamos cando podemos para facer sesións ao aire libre”. Aínda que a propia Ana e Yolanda xa detectan ás persoas susceptibles de participar neste programa, os interesados poden chamar ao 981 515106. Agardan formar un segundo grupo tralo verán.