Boqueixón cubre os parques de Lestedo e de Camporrapado

Investiranse 50.000 euros nas actuacións // O obxectivo é que os nenos xogen en caso de mal tempo // Prevese rematar nunhas semanas
Obras
Alba Prada
Avance dos traballos de cubrición no parque infantil de Lestedo. Foto: C. Boqueixón

Co obxectivo de que os pequenos de Boqueixón poidan desfrutar dos parques tamén en días de choiva, o Concello está a instalar cubertas nos parques infantís de Lestedo e Camporrapado. Ambas infraestruturas están situadas ao carón das escolas unitarias localizadas en cada unha detas parroquias. O presuposto para levar a cabo ditas actuacións é de 50.000 euros e contan cunha subvención da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

“Con estas obras poderemos facilitar que a cativada xogue durante os días de mal tempo sen necesidade de mollarse”, recalcou o alcalde, Manuel Fernández Munín. Informou asemade que “proximamente procederemos tamén á cubrición do parque infantil da escola unitaria de Sergude”. Un labor para o que se empregarán arredor de 20.000 euros “procedente do superávit da conta xeral 2019”, concretou o rexedor.

No caso do parque infantil de Lestedo, estase a instalar unha estrutura metálica coa que se tapará unha superficie de preto de 150 metros cadrados, mentres que en Camporrapado amplíase ata os 215. Cada unha das cubertas contará con placas traslúcidas para favorecer a iluminación nos días nubrados. Do mesmo xeito estas estruturas contarán cun sistema de recollida das augas pluviais.

Segundo o goberno local, a previsión é que as actuacións finalicen nas vindeiras semanas. Agora estanse a acometer os traballos de instalación das estruturas previamente creadas en fábrica.

DEPORTE Por certo que o Concello informa que tendo en conta as últimas restricións ditadas polas autoridades sanitarias, acordouse desdobrar os grupos de participantes nun máximo de catro persoas máis monitor ou monitora. Así, as disciplinas, que se soen impartir dúas veces á semana, desenvolveranse unha única vez. Mantéñense igualmente todos os protocolos básicos de seguridade entre as persoas asistentes: uso de máscara permanente, desinfección de mans e mantemento da distancia.