Boqueixón promove un marketplace para incentivar o comercio local

De forma gratuíta os negocios poderán pór a disposición do público os seus produtos
Comercio local
Alba Prada
Farase unha reunión informativa o día 15 Foto: Pexels

Boqueixón. Co ánimo de dinamizar o comercio local nuns momentos tan complicados para o sector, o Concello de Boqueixón vén de crear de forma gratuíta un marketplace: un espazo en liña onde os distintos establecementos poderían pór á disposición do público os seus produtos. “Con esta proposta pretendemos favorecer a creación doutras vías de negocio para o noso pequeno comercio a través da Internet”, sinalou o alcalde, Manuel Fernández.

A crise sanitaria, insiste, “propiciou un cambio moi grande nos hábitos de consumo e na adquisición de produtos, implantándose cada vez máis o comercio electrónico. É por iso que dende o Concello queremos axudar ao noso empresariado a pór á disposición da clientela os seus produtos a través dunha mesma plataforma”, explica o rexedor.

Para informar sobre a proposta, organizarase unha reunión explicativa que terá lugar o vindeiro día 15 ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Camporrapado. Para asistir hai que formalizar a inscrición no enderezo emprego@boqueixon.com. A.P.