Boqueixón, Touro e Vedra darán á muller maltratada aloxamento e transporte

Violencia de xénero
Sol Elvira
Os tres alcaldes e representantes dos CIM. Foto: C. B-

boqueixón. Os alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; Touro, Ignacio Codesido Barreiro; e Vedra, Carlos Martínez Carrillo, asinaron este xoves un convenio de colaboración para prestar servizo de aloxamento e transporte a mulleres vítimas de violencia de xénero en situacións excepcionais. Un acto que tivo lugar no salón de plenos de Boqueixón e no que participaron as técnicas de Servizos Sociais de Touro e Vedra, así como a responsable do CIM de Boqueixón. Fernández Munín explicou que este convenio é de aplicación no ámbito territorial dos tres concellos e supón “un chanzo esencial na protección e na asistencia integral ás mulleres e menores ao seu coidado da nosa contorna, do rural”. Explicou que “aquelas mulleres que presenten denuncia por infracción penal relativa a violencia de xénero, ante os postos da Garda Civil que abarcan os termos municipais de Boqueixón, Touro e Vedra, terán á súa disposición servizo de transporte e aloxamento gratuíto, cando polo horario de presentación da denuncia ou pola situación de desamparo na que se atopan lles sexa dificultoso acceder de forma inmediata aos recursos que se ofertan desde a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Igualdade”. s. elvira