Brión, Muros e Noia solicitan unha asemblea da Mancomunidade do Barbanza

Buscan a colaboración da Deputación en estudos de viabilidade da planta e novos proxectos de contratación
Reciclaxe
Suso Souto
Plano da planta de reciclaxe de Servia. Foto: M.S.B.

Muros. As corporacións municipais de Brión, Muros e Noia veñen de aprobar, na última semana, unha proposta para que o presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza convoque unha asemblea co fin de solicitar formalmente a axuda da Deputación da Coruña no desenvolvemento do seu modelo de xestión.

A proposta, levada ás sesión plenarias polo BNG, contempla a colaboración co ente provincial para levar a cabo estudos de viabilidade da planta e a redacción dos novos pregos de contratación, no contexto da expiración do contrato coa actual concesionaria en 2023.

Os nacionalistas sinalan a necesidade de que se coñeza con exactitude a situación financeira do entre supramunicipal para abordar a posible inclusión de novos membros.

Concellos como Ames, Outes ou Rianxo teñen manifestado o seu interese en participar do modelo de reciclaxe da planta de Servia, “pero, para que iso fose posible, é imprescindible coñecer as condición de adhesión e as posibilidades de dimensionamento da planta”, indicaron ao respecto dende o Bloque.

O texto redactado polos nacionalistas tamén explora a colaboración provincial para a mellora de equipamentos na mencionada planta, comezando pola máquina volteadora, tan solicitada polo persoal do complexo, para mellorar a eficacia no tratamento do lixo orgánico.

Sinalan ademais que xa teñen mantido contacto coa Deputación e aseguran a disposición desta institución a prestar axuda sempre e cando sexa a propia mancomunidade a que a solicite, “de aí a importancia da aprobación desta moción do BNG para que se convoque a asemblea xeral, único órgano que podería aprobar esta petición”.

A proposta vai ser rexistrada tamén nos concellos de Porto do Son, Carnota e Lousame. suso souto