Caballero critica o peche dunha aula en Sabaxáns

Política
Marcos Manteiga
Noa Díaz, pola esquerda, con Lago, Gonzalo Caballero e Leiceaga en Brión. Foto: PSdeG

Brión. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou en Brión a decisión de xuntar clases nun centro educativo local. Así llo fixo saber ao alcalde, Pablo Lago, acompañado polo presidente do PSdeG e senador, Xoaquín Fernández Leiceaga, e da deputada Noa Díaz.

Dende alí, o líder dos socialistas galegos instou á Xunta a “reconsiderar” o peche dunha aula na Escola de Educación Infantil de Sabaxáns, logo do anuncio por parte da Consellaría de Educación “en pleno verán”. Así, censurou que o Goberno galego queira integrar nunha mesma aula aos dezaoito alumnos do centro cando isto “suporía un enorme prexuízo para o alumnado”.

Tamén reivindicou unha “educación pública de calidade para todas e todos tamén no rural” cando ademais “Brión é un concello en expansión demográfica e con posibilidades de crecemento”. E demandou o compromiso autonómico para executar un parque cuberto en Tarrío-Pedrouzo. M.M.