|| cousas do demo ||

Como os de Ames son ricos... que paguen cartos de máis

Víctor Furelos
Rogelio Rial cun chuletón dos que serven na Casa Barqueiro

Carne de burro non é transparente. Cada vez que de neno cruzaba por diante da televisión escoitaba esta frase de boca de meu irmán. Nunca entendín porque nese dito se refiren ó burro. Coma se pudesemos ver a través doutras carnes!!

Quen me ía dicir que co paso dos anos ía ter a oportunidade de entender á perfección esa frase. Cando escoito a algúns políticos presumir de transparencia tremo como un vimbio. Aínda que en vez de aplicarlle o da carne de burro, que nalgúns casos podería facerse con acerto, habería que lembrar aquelo de “ Dime de que presumes...”.

O caso é que en Ames suceden cousas que nada teñen que ver coa nitidez que se lle presupón a unha Administración. E suceden pouco despois de que os seus gobernantes presumisen co peito inflado de ser o cuarto concello máis transparente de toda Galicia e o 96 de España.

Primeiro chegaron os recibos da auga e as barreduras. Unha tolemia. Case todas as vivendas do concello pagaron máis que nunca. A concesionaria do servizo mantén que o fixo co consentimento dos gobernantes municipais. Porque nesta ocasión, amparándose no confinamento, non se realizou a lectura dos contadores senón que se fixo un cálculo estimativo.

E como a xente estaba na casa hai que supoñer un consumo maior do habitual. E ó aumentar ese gasto de auga, nalgúns casos pásase ó seguinte tramo na depuración polo que tamén medra o prezo deste capítulo.

Curioso é que en todos os casos –e son 14.000 recibos– se pague de máis e que esa estimación non contemple rebaixas para ninguén. Pero se se fixo co visto e prace dos gobernantes... nada haberá que dicir. Iso sí, ninguén recibiu antes notificación algunha de que a lectura sería estimativa e que nesta ocasión a facturación podería ser superior á de outras veces.

Din que van regularizar o pago cando se realice unha lectura real do contador ou o que é o mesmo, se o consumo foi menor ó que figura na factura a rebaixa aplícase no próximo recibo. Dito doutro xeito: primeiro pagas de máis, e despois xa se verá... como os de Ames son ricos.

Pouco despois unha sentenza tumbou o pleno no que se decidiu subir un dos impostos municipais máis cuantiosos: o IBI ó que moitos chaman contribución. Pois carallo para a suba da contribución!!! Pese á sentenza os recibos están a chegar a todas as casas con ese encarecemento aprobado por PSOE, Podemos e BNG. O Concello recurriu o fallo xudicial. E de perder haberá que devolver con intereses uns cartos que non están consignados para ese fin nos presupostos. E tamén pagar ós avogados. Pero como os de Ames son ricos...

E aínda chegou outra sentenza, esta vez firme, que condena ó Concello a pagarlle 246.945 euros á mancomunidade Serra do Barbanza, que no seu momento tivo que compensar á concesionaria pola prestación do servizo de recollida e tratamento de residuos. Ese pago derivouse ós concellos nos que FCC se encargaba do lixo, pero Ames entendeu que ó non ser socio de pleno dereito non tiña que facerse cargo do pago dese gasto.

O Xulgado non opinou o mesmo e esta broma cóstalle ás arcas municipais case que un cuarto de millón de euros. Pero como os de Ames son ricos...

Os veciños tanto do Milladoiro como de Bertamiráns e ata das aldeas do rural enteráronse dos recibos en canto lle chegaron á casa. Só falta que saian á rúa coas más en alto, por aquelo do atraco. Aínda que de seguro que algúns, ós que o pago se lle pasa polo banco, nin se deron conta da suba. Porque como os de Ames son ricos...

Non son tempos de subir impostos con malas artes nin de cobrar de máis nos recibos. E xa só falta que nun exercicio de cinismo digan que entenden as apreturas económicas causadas pola pandemia. O que deben entender os gobernantes de Ames é que ninguén quere que o atraquen na súa propia casa e menos cando son moitos os que o están a pasar mal por estar en ERTE ou despedidos do seu traballo.

No caso das sentenzas xa hai que falar case de mala fe. Como se pode presumir de transparente e esconder os fallos xudiciais que non son favorables?

Para que queres o portal de transparencia? Só para que se sepa que tanto o alcalde de Ames como o primeiro tenente de alcalde cobran máis que o seu compañeiro de partido Xosé Sánchez Bugallo, alcalde da capital de Galicia? Porque o alcalde de Santiago ingresa ó ano 51.000 euros brutos mentras que o rexedor de Ames gaña 53.000 e o tenente de alcalde, que ademais é deputado provincial, acada 60.426 euros.

Despois de desvelar o da carne de burro relacionada coa transparencia e iso de que un presume do que carece acabo de dar coa clave de todo este dilema. Porque vendo estos salarios entendo á perfección que os gobernantes pensen que os de Ames son ricos...