Confirma o Sergas que houbo un erro de coordinación co colexio de Ventín

A resposta que recibiu a ANPA ratifica o fallo e indica que non era precisa a corentena
COVID-19
El Correo Gallego
Fachada do CEP de Ventín, en Ames

Ames. A ANPA do CEP de Ventín, de Ames, vén de comunicar que recibiron xa resposta por parte de Saúde Pública confirmando que se tratou dun “erro de coordinación co colexio e que por tanto a corentena era innecesaria”. Refírese ao fallo do centro ao non avisar aos familiares dos nenos que estudaban na aula sobre a detección dun positivo por covid-19 o pasado 24 de setembro.

Tal e como relatan dende a ANPA, “a situación complicouse o domingo 4 de outubro pola tarde, cando as familias da aula afectada nos fixeron saber que estaban a recibir chamadas de persoas que se identificaban como rastrexadores, nalgúns casos do Sergas e noutros do Exército, para informalos de que remataba a corentena de 10 días”, unha corentena que descoñecían. “Dada a gravidade da situación ese mesmo luns 5 de outubro (día no que remataría a corentena) trasladamos queixa formal aos organismos competentes”, explican.

Agora teñen a resposta oficial que confirman a falta de coordinación, pero ata o momento “ninguén se puxera en contacto con nós nin cas familias afectadas”, din. A. P.