Desinfección total para a gardería de Santa Comba e peche dunha aula

Coronavirus
M. Outeiro
Maquinaria de desinfección nunha das aulas da escola infantil de Santa Comba. Foto: CSC

Santa Comba. O rexedor de Santa Comba, David Barbeira, ordenaba a pasada fin de semana o peche dunha aula da escola infantil local despois de que se comunicase a existencia dun positivo por COVID na aula de 2 a 3 anos.

Por iso, púxose en marcha o protocolo conxunto da Consellería de Política Social e da Consellería de Sanidade, de xeito que a clase permanecerá pechada ata o 1 de marzo.

“O resto de nenos e nenas desta aula ten que permanecer en corentena”, apuntaba o rexedor, pero precisando que as outras aulas “seguirán funcionando con normalidade tal e como establece o protocolo” tras a limpeza da totalidade destas instalacións que se ubican na rúa Rosalía de Castro da capital xalleira.

Precisamente, na xornada do domingo o Concello comunicaba que xa estaba rematada a desinfección de todas as dependencias da gardería, polo que pode abrir no seu horario habitual, agás a clase onde houbo o positivo.

No bando do pasado día 19, Barbeira apuntaba que a feira local podería reanudarse o 6 de marzo se os datos eran positivos, e xa se abriron ao público os parques infantís, circuito de calistenia e pista multideporte (cunha persoa cada catro metros). m. o.