FINANCIACIÓN. Reciben contías de entre oito mil e dez mil euros para persoal ou para mantemento e conservación de equipamentos // Arzúa terá tamén dezanove mil para o seu conservatorio, e Carballo, Melide, Noia e Ribeira, vinte mil TEXTO S. S.

Dezaseis escolas musicais afinan en Área coas axudas para gastos

Escola de música
Suso Souto
AULA GALEGA DE SAXOfón. Imaxe de arquivo da pianista xaponesa Hilomi Sakaguchi nunha master class que impartiu no conservatorio de Ribeira acompañando ós alumnos da Aula Galega de Saxofón. Foto: C. R.

A Deputación Provincial da Coruña destina este ano 368.500 euros para o mantemento dos conservatorios e escolas de música e danza de vinte e nove concellos da provincia.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou a concesión provisional das axudas dirixidas a municipios e entidades locais que permitirán financiar a reparación e a conservación de equipamento, as contratacións externas e as subministracións, entre outros.

As aportacións da institución provincial van destinadas tamén a sufragar gastos de ditas instalacións relacionados co seu funcionamento, mantemento e persoal.

“A través desta liña queremos dar apoio á formación artística nas diferentes escolas e conservatorios da provincia”, sinala a deputada de Educación, Sandra González.

“Estes espazos son verdadeiros puntos de encontro para a cidadanía e neles medran os e as artistas do futuro”, destacou a deputada, quen subliñou que as mencionadas axudas “responden á filosofía da Deputación coruñesa de facer accesible a formación cultural máis alá das grandes cidades, permitindo que pequenos e medianos concellos poidan ofrecer tamén estes servizos”.

A Baña, As Pontes, Abegondo, Ames, Arzúa, Betanzos, Brión, Cabana de Bergantiños, Carballo, Carnota, Cee, Culleredo, Lousame, Melide, Mugardos, Muros, Negreira, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Ortigueira, Padrón, Ponteceso, Porto do Son, Ribeira, Rois, Sada e Santiago de Compostela son os concellos que solicitaron estas subvencións para os seus centros de formación artística.

Dous deles concorreron á liña para dous centros distintos; é o caso de Arzúa, para a Escola de Música Municipal e o Conservatorio de Música Profesional, e Oleiros, para a Escola Municipal de Música A Fábrica e a Escola Municipal de Danza.

As axudas concedidas oscilan entre un mínimo de 8.500 euros e un máximo de 20.000 euros. No ámbito de Área de Compostela son vinte os municipios beneficiarios desta liña de axudas. Así, para o mantemento das súas escolas de música, A Baña recibirá 8.500 euros; Ames, 9.500; Arzúa, 8.500; Brión, 10.000; Cabana de Bergantiños, 8.500; Carnota, 9.500; Cee, 9.500; Lousame, 9.000; Muros, 9.000; Negreira, 9.000; Ordes, 9.000; Oroso, 8.500; Padrón, 9.000; Ponteceso, 8.500; Porto do Son, 8.500; e Rois, 10.000. Asimesmo, recibirán subvencións para mantemento dos seus respectivos conservatorios os concellos de Arzúa (19.000 euros); Carballo (20.000); Melide (20.000); Noia (20.000); e Ribeira (20.000).

AUDICIÓNS EN AMES. Precisamente o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames amosa estes días o aprendido durante este curso a través dunha serie de audicións que se prolongarán durante todo o mes de abril. As audicións comezaron o xoves, día 8, co alumnado de canto. O martes 13, ás 19.00 horas, tocaralle ao de saxofón.

O de guitarra amosará o seu traballo o mércores 14 ás 19.00 horas; o de percusión, o día 19 ás 18.00; e o de frauta, o luns 26 ás 10.30. Pecharán as quendas de audicións os alumnos e alumnas de violín o xoves 29 nun horario que se confirmará a medida que se achegue a data.

areadecompostela@elcorreogallego.es