Esgótanse nunhas horas as entradas para ver a orquestra París de Noia

O 80 por cento vendéronse entre os propios veciños da localidade amiense
Redacción ECG

AMES. As entradas para asistir á actuación da París de Noia puxéronse á venda ás 12.00 do mediodía e ás 23.00 xa estaban esgotadas. As 15.00 horas foi o pico de reserva con case 150 entradas reservadas. O 80 % das entradas vendéronse entre os veciños de Ames. A Concellaría de Promoción Económica lanzou este verán un novo AmesOn con trece concertos programados ao longo dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro para promocionar o comercio local. O peche do programa será o concerto da orquestra París de Noia que se vai celebrar o venres 3 de setembro no Milladoiro. Onte ao mediodía presentouse a actuación no Salón de Plenos do Concello de Ames dándose a coñecer a plataforma a través da cal se podían reservar as entradas e as medidas de seguridade a ter en conta durante o espectáculo.

A plataforma de reserva de entradas comezou a funcionar ás 12:00 do mediodía e en só 11 horas esgotáronse as entradas. Foi ás 23.20 cando se reservou a última entrada para poder gozar da actuación da París de Noia. A meirande parte das entradas reserváronse entre as 14:00 e as 18.00 horas, sendo o pico de reserva de entradas ás 15.00 horas, momento en que se reservaron preto de 150 entradas. O 80 % das entradas reservadas foron para veciños e veciñas de Ames. O resto das entradas van para os concellos limítrofes como Santiago, Brión, Teo ou Negreira.

Entre os asistentes atopamos moito público familiar, de aí que dende a organización insistan en que todos os menores teñen que ir acompañados dun adulto e levar a autorización firmada polos pais. A autorización vai ser remitida vía mail a quenes reservaron entradas para menores e, tamén, se pode descargar neste enlace. O acceso ao espectáculo habilitarase entre as 20.00 horas e as 21.15 horas pola rúa Agro do Medio. A acomodación realizarase por orde de chegada e a distribución de espazo será con asentos separados de xeito individual coa distancia regulamentaria vixente.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, amosouse moi satisfeita pola boa acollida do concerto da París de Noia “estou moi contenta coa repercusión que está a ter a actuación da París de Noia, había moita expectación e onte plasmouse co rápido que se reservaron as entradas”. A concelleira engadiu “a meirande parte das entradas foron para as veciñas e os veciños de Ames, para min é unha fantástica noticia que sexan os propios amesáns e amesás os que unha vez máis se unan para apoiar o comercio local”.