Cun convenio entre o club que mira pola raza e a Fundación Rof Codina avalíase mediante test o seu comportamento // Deste xeito priman ós mellores reprodutores TEXTO M. Manteiga

Estudan o carácter ideal dun supercán de palleiro

Mascotas
Marcos Manteiga
Un dos cans de palleiro examinados no feiral de Silleda. Foto: Club C.P.

O Club Raza Can de Palleiro (CRCP) e a Fundación Rof Codina veñen de pór en marcha un estudo no recinto silledense Feira Internacional de Galicia Abanca con test de comportamento entre unha ducia de exemplares da variedade enxebre e coa mira posta en “promover unha cría responsable desta raza e coñecer en profundidade as súas características temperamentais”. Trátase, segundo as mesmas fontes, duns exemplares con temperamento forte e reservado cos estraños, pero dócil co seu amo, valente e tamén mordedor, apuntan dende o citado club como denominador común.

A iniciativa inclúe un convenio mediante o cal o Servizo de Etoloxía do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina é o encargado de realizala. E foron doce os cans avaliados durante a pasada fin de semana, cunha duración do test de entre media hora e 45 minutos para cada exemplar. Nese tempo, expúxose ao animal a diferentes estímulos de distinta intensidade para valorar a súa reacción, sempre velando polo benestar de cada participante.

Estes test, que están validados cientificamente e que se repetirán en distintos puntos da xeografía galega coa fin de obter o maior número de participantes, son a parte presencial dun estudo que ten como obxectivo principal promover unha cría responsable desta raza e coñecer en maior profundidade as súas características temperamentais.

En concreto, e ademais do exame en vivo, incluíuse outro consistente nun cuestionario previo co que se pretende manter e potenciar perfís de comportamento específicos da raza ao longo do tempo. Grazas a el poderíase chegar a avaliar o comportamento da descendencia, monitorear o progreso da selección do comportamento dentro das razas ou liñaxes, elixir os mellores reprodutores e obter medidas de comportamento fenotípicas confiables para futuros estudos xenéticos do temperamento. Xa se obtiveron 178 cuestionarios de exemplares de can de palleiro, e cos resultados de ambos test esperan realizar unha elección máis eficaz dos futuros reprodutores, así como categorizar mellor o temperamento da raza.

Segundo confirma Angela González, responsable de Medicina de Comportamento do Hospital Veterinario Rof Codina, o que se fixo cos cans no recinto silledense foi “sometelos a distintos estímulos” para verificar, por exemplo, “como reaccionan diante de persoas. Primeiro facemos a proba cunha persoa, logo con máis, e tamén coa intensidade: camiñando normal ou camiñando rápido, porque pola rúa pode camiñar rápido”, aplaudindo a reacción da cadela de turno, Rula.

Así, a ducia de cans que acudiron a Silleda o sábado foron sometidos a probas de estrés e de introdución de estímulos para intentar predicir o comportamento da descendencia e escoller tamén as mellores cualidades para perpetuar. En concreto, a citada exemplar chamada Rula foi moi ben valorada tanto polos presentes como polo equipo da Televisión de Galicia desprazado ao feiral do Deza... e tamén polo seu propietario, José Reboiras: “Conveceunos moito, porque son moi equilibrados, así o podo corroborar. É un excelente compañeiro e un excelente gardián”. Os tests repetiranse noutros puntos de Galicia, aínda que os primeiros resultados apuntan a que están a cumprir os estándares.

Como características físicas, o animal é de tronco indoeuropeo, rústico e corpulento, de tipo lupoide, perfil recto, eumétrico, de tamaño medio, duns sesenta a sesenta e dous centímetros na cruz, mesodolicomorfo, de proporcións harmónicas e de constitución forte, con ósos bastante anchos (grosos), característica da súa rusticidade. As femias son algo máis baixas, de aspecto máis lixeiro e de proporcións máis lonxilíneas. E, malia presentar unha osamenta forte, non dá unha sensación de gravidez ou de animal linfático, xa que os seus movementos son rápidos e de boa musculación, según aportan desde a mesma asociación que mira por estes cans, tan ben adaptados para vivir e prosperar en Galicia dende tempos ancestrais.