SE EU FOSE ALCALDESA ...

... “Faría un camiño peonil a Santiago”

Ángeles Área, limpadora
Ángeles Área
Se eu fose alcaldesa
Alba Prada

Residente en O Milladoiro, casada, con dous fillos e un neto, que tres cousas faría en favor dos veciños e veciñas?

O primeiro sería facer un ximnasio público e centros para as persoas maiores. Saen dos pisos e non teñen onde estar. Estas dúas cousas son o que máis boto de menos. Segundo, faría falta un carril bici, e terceiro, un camiño peonil ata Santiago, xa que así poderíamos ir a pé e non sempre desprazarnos en coche.

Que é o mellor de vivir no concello de Ames?

Que tes de todo a man. Levamos aquí dende o ano 85 e agora eu non me cambiaría a Santiago para nada. Aquí temos todo: buses cada dez ou quince minutos, moitos supermercados, zonas para pasear, e un centro médico fantástico.

E o que peor leva?

A circunvalación que fixeron, aínda que agora xa quitaron os camións. E iso si, que segue a ser unha cidade dormitorio. Aquí nas fins de semana non queda ninguén e tamén por iso as tendas pechan rápido, xa que gran parte da xente traballa en Santiago e xa fai as compras alí tamén.