|| Cousas do demo ||

Hai políticos que toman o sol mentres os hostaleiros pelexan co mar bravo

Política
Víctor Furelos
Estrada que comunica Santa Comba e a capital de Galicia

Cando nun mar bravo unha persoa pide axuda sempre atopa algún valente que se tira a auga sen pensalo dúas veces coa intención de salvalo. E son moitas as ocasións nas que a cousa non acaba ben e quen tentou de auxiliar a quen estaba en perigo paga a súa xenerosidade coa súa vida, mentres que os que quedaron quietos, sen inmutarse, marchan para casa sen remordemento ningún e atrevéndose a contar a súa fazaña ó día seguinte a quen lle queira escoitar.

Os que están a nadar agora entre olas ben grandes son os hostaleiros, os comerciantes, as axencias de viaxe, os ximnasios, as orquestras, as atraccións de feira, os teatros, os museos, os taxistas... Semella que son vítimas dun naufraxio e levan meses berrando para que alguén os achegue á orilla antes de afogar.

Hai moito público vendo a súa loita e a súa agonía. Son persoas de carne e óso con responsabilidade en Concellos, deputacións, Xunta, Goberno central... pero poucos dan sequera unha brazada para tentar sacalos desa auga brava que os está a matar.

E como sucede moitas veces quen máis axuda lles presta é tamén quen máis críticas recibe. Coma se pagase coa súa vida o atrevemento de saír ó mar embravecido para darlle un alento.

Porque a Xunta intenta axudar. É certo que a cantidade é insuficiente. É coma se fose con un flotador de bazar barato a salvar a quen pelexa con olas que meten medo. Pero polo menos ten intención. E hai que aplaudirlle que nesta última quenda de axudas teña a ben incluír aos que non poden afrontar os pagos con Facenda ou Seguridade Social, que estes sí que non son de carne e óso nin teñen corazón nin sentimentos.

E na Xunta, que habilitou achegas por valor de 165 millóns de euros, aínda ven como as concentracións de hostaleiros rematan diante da súa sede ou en Monte Pío e non afectan a quenes non se tiraron ó mar.

Mentres, entre o público, nesa orilla ateigada de adminitracións, os que están a piques de afogar escoitan os ánimos dos que ata hai ben pouco falaban do un por cento do orzamento naquela negociación que xa se sabía que non iba a ningures. Porque algúns dos que se sentaron naquela mesa foron a facer política. Nada máis.

A verdade é que o tempo é teimudo. E os que, sen mover un dedo, animaban ós que estaban pelexando co mar xa voltaron á súa casa. Non se volveron oír. Nada se sabe daquel un por cento. E mentres, os que sofren seguen a dar brazadas cada vez máis no fondo dese océano cabreado chamado coronavirus.

Algúns concellos tiraron unha corda ós náufragos, pero son moitos para un só cabo que para algúns xa virou en soga. E mentras buscan outras solucións, os que seguen a bracear perden os folgos.

Quen se tirou ó mar, aínda que sen o equipamento necesario polo insuficente das axudas, foi a Xunta, que xa ten en marcha máis cartos. Diñeiro contante e sonante que é o que fai falta axiña.

Pero aínda hai quen está ausente, no fondo da praia, tomando o sol, co seu bañador de flores e a súa cervexa na man. É o Goberno central. É como se a cousa non fose con eles. E se ven que sacan o morto do mar non se van inmutar. Tanto lles ten.

Seguirán coa súa vida, cos seus discursos mentireiros nos que tentan vender unha realidade que nada ten que ver coa que se está a vivir. Céntranse en temas que agora mesmo deberan ser secundarios para centrarse no que realmente importa a miles de familias deste país. Deberían estudiar a maneira de sacar cartos de debaixo das pedras para rescatar ós sectores que están nese mar no que eles non ven perigo.

O caso é que os que están a nadar contra corrente para salvarse ben poderían pensar que o seu barco foi a pique polos torpedos que lanzan desde Madrid.

Cando se faga un balance deste naufraxio haberá que reservar unha chea de páxinas do xornal para as esquelas. Porque son moitos os mortos para os que os políticos sí tiñan mediciña. E haberá que seguir a axudar ós superviventes porque de seguro que terán secuelas.

Cando escampe un pouco nesta tormenta aínda haberá cousas por facer, porque os náufragos rescatados padecerán hipotermia a terán que pasar un tempo no hospital. E haberá que atendelos. E o xeito de facelo será fomentando o consumo como en Alemaña, en donde rebaixaron de xeito moi notable o IVE de todo o que xira arredor do sector da hostalería.

E tamén haberá que facer un labor máis costoso para animar á xente a que visite cafeterías, restaurantes e ata furanchos e a que entre nos comercios. Porque de nada vale abrir se despois se fomenta o medo entre a xente.

Todos temos achegados en dificultades e podemos sentir empatía. Todos menos algúns políticos que seguen na orilla vendo as manobras de rescate mentras falan e falan e falan e falan...

E as súas frases baleiras e mentireiras van polo sumidoiro ó tempo que o seu pobo sofre e moitos empresarios e traballadores afogan pelexando cun mar bravo sen que eles nin sequera mollen os pés para tentar salvalos. O seu é tomar o sol.