Iluminan en Ames a Capela da Madalena polo Xacobeo

Participa nunha proposta da Axencia de Turismo de Galicia que escolleu aos principais monumentos do Camiño santiagués
Xacobeo
Alba Prada
Fachada da Capela da Madalena, en O Milladoiro, que forma parte da iniciativa. Foto: C.A.

A Capela da Madalena, de O Milladoiro, está iluminada dende onte e ata mañá para simbolizar a conta atrás do Ano Santo Xacobeo 2021. A igrexa amesá participa así na iniciativa da Axencia deTurismo de Galicia ‘Acende o Xacobeo’ coa que se están iluminando os monumentos principais polos que pasan os diferentes Camiños de Santiago. De feito é un dos 91 escollidos en todo o territorio nacional para fomar parte deste proxecto simbólico. Desta forma loce ata mañá o logotipo do Xacobeo 2021 e a frecha amarela.

No resto dos concellos galegos, os 40 monumentos representativos das diferentes rutas do Camiño santiagués, están sendo iluminados en tres fases. Os primeiros, foron do 22 ao 25, a segunda fase do 26 ao 28 e, por último, do 29 ao 31 de decembro. Este acendido será de forma secuencial a través das distintas etapas das rutas xacobeas ata chegar á Catedral compostelá evocando o percorrido que realizan os peregrinos. Tamén se sumaron á proposta dez comunidades de fóra de Galicia: Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia e Navarra.

O concelleiro de turismo, Manuel Lens, que colabora coa Axencia de Turismo de Galicia nesta iniciativa, considera que “esta é unha excelente oportunidade de proxectar o Concello de Ames no exterior a través dun evento tan consolidado coma a celebración dun novo Ano Santo Xacobeo 2020-2021, e o posicionamento do noso territorio onde confinan ata tres camiños de peregrinación, os xa sobradamente recoñecidos, o Camiño Portugués e o de Fisterra-Muxía, e o Camiño pola Ría de Muros-Noia, que o pasado día 15 de decembro obtivo o recoñecemento por parte do cabildo representante da Catedral de Santiago”.

CONCURSO Por certo que dende o goberno local animan aos veciños e veciñas a participar no certame ‘O teu Xacobeo’, posto en marcha pola Axencia de Turismo galega. A proposta convida a subir ás redes sociais un selfie persoal ou colectivo diante dun dos edificios que estes días se están iluminando no Camiño de Santiago etiquetado cos hashtags #AcendeOXacobeo ou #EnciendeElXacobeo.

Escolleranse tres gañadores que serán premiados cun xantar ou unha cea para dúas persoas nun restaurante cunha ou dúas estrelas Michelín de Galicia, venres ou sábado e con aloxamento e almorzo nun hotel de catro estrelas para dúas persoas as noites, de venres e sábado. O prazo para participar está aberto ata o 2 de xaneiro ás 00.01 horas.