Corenta e seis concellos benefícianse do novo fondo da Deputación da Coruña // As contías van destinadas a ampliar os servizos de axuda no fogar, conciliación ou apoio ás familias vulnerables // Poden reforzar persoal no eido asistencial TEXTO S. S.

Inxección de 8,2 millóns fronte ó efecto social da COVID en Área

Fondos Covid
Suso Souto
PLENO. Participantes no pleno telemático celebrado pola Deputación da Coruña o pasado día 26. Foto: D.C.

O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade o Fondo Social do Plan Único (POS+2021), que destina 13.8848.408 euros (deles, 8,2 millóns en 46 municipios do eido de Área de Compostela) a apoiar ós concellos da provincia no incremento do gasto social derivado da pandemia do coronavirus.

Ampliación dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF), reforzo da plantilla de persoal nas áreas sociais, programas de respiro familiar e conciliación familiar e laboral, adquisición das EPI ou axudas directas ás familias máis vulnerables que están sufrindo especialmente os efectos desta crise son algúns dos programas municipais que contarán co apoio da Deputación a través deste novo fondo. O presidente de dita institución, Valentín González Formoso, destacou “a adaptación” do plan á situación actual “para dar resposta ás necesidades dos concellos e da cidadanía, reforzando os programas de protección social para non deixar a ninguén atrás na saída da crise”.

Ao igual que sucede cos fondos convencionais para obras e servizos do Plan Único, son os concellos os que deciden as súas prioridades á hora de investir os recursos consignados deste novo POS Social.

Dos 14 millóns de euros, 6.063.766 € (un 43,8 %) irán destinados a reforzar os Servizos de Axuda no Fogar (SAF), o que amosa a importancia que os concellos dan a este servizo fundamental de apoio a persoas maiores ou con discapacidade e a necesidade de fortalecer o persoal e medios cos que contan.

Tamén destacan os fondos do Plan Único para ampliar as partidas económicas consignadas para os programas de protección e axuda social (2.331.070 euros, un 16,8 %) e os destinados á contratación de persoal (1.678.772, un 12,12 %).

Os concellos da provincia destinarán ademais un 7 % dos fondos sociais do Plan Único (974.952 €) a crear ou incrementar os seus programas de axudas a familias en situación de especial vulnerabilidade ou con escasos recursos, un 6,44 % a adquisición das EPI e un 4,52 % a programas de conciliación e/ou respiro familiar. No investimento por comarcas, a de Compostela recibirá 4.188.063,21 € co seguinte reparto: Ames 306.290 €; Arzúa 208.731 €; A Baña 136.894 €; Boqueixón 125.584 €; Brión 139.555 €; Dodro 65.421 €; Frades 112.502 €; Melide 194.033 €; Negreira 175.689 €; Ordes 232.124 €; Oroso 142.710 €; Padrón 120.224 €; O Pino 165.464 €; Rois 134.642 €; Santa Comba 251.566 €; Teo 222.441 €; Tordoia 141.459 €; Touro 157.330 €; Trazo 126.980 €; Val do Dubra 138.633 € e Vedra 114.532 €.

A da Coruña-Betanzos recibe preto de 3 millóns; a de Ferrol Terra-Eume e Ortegal arredor de 2,7. Costa da Morte e Bergantiños 2.262.420 €: Cabana de Bergantiños 133.157 €; Camariñas 99.193 €; Carballo 384.932 €; Cee 120.509 €; Corcubión 40.291 €; Coristanco 183.201 €; Dumbría 138.314 €; Fisterra 77.330 €; Laracha 202.834 €; Laxe 77.333 €; Malpica 113.485 €; Muxía 157.126 €; Vimianzo 215.803 € e Zas 170.780 €.

O Barbanza repártese 1.750.486 €: Boiro 218.033 €; Carnota 103.356 €; Lousame 116.065 €; Mazaricos 193.584 €; Muros 139.953 €; Noia 150.375 €; Outes 146.666 €; A Pobra 113.479 €; O Son 162.801 €; Rianxo 144.008 € e Ribeira 262.161 €.

comarcas@elcorreogallego.es