O Concello de Ames decidiu non taxar bens de gran valor histórico e artístico, como o Pazo da Peregrina, a ponte de Augapesada e a Ponte Vella // O peto de ánimas de Guimaráns e o Fornelo de Maguxe si poideron ser valorados TEXTO Javier Salutregui

Máis de 86.000 € en cruceiros entre o patrimonio municipal

Patrimonio
Javier Salutregui
Cruceiro de Cantalarrana, en San Xoán de Ortoño. Foto: Google

O Concello de Ames conta cun importante patrimonio histórico e artístico, con construcións coma o Pazo da Peregrina, a ponte de Augapesada, a Ponte Vella de Ponte Maceira ou os diversos cruceiros esparcidos pola xeografía amesá. Todos eles teñen un importante valor cultural e histórico, pero tamén un curioso valor monetario reflexado no inventario municipal. En concreto, o valor total de todos os bens de Ames é de 81.468 €, sendo a maioría dos bens cruceiros.

Por desgracia, o concello non foi quen de taxar as construcións máis valiosas debido á dificultade de poñerlles un prezo. Este é o caso do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, da Peregrina e as pontes de Augapesada e Ponte Maceira, un conxunto arquitectónico de gran tamaño datado no século XIX, que conta cun edificio principal, unha capela e edificios auxiliares; a ponte de Augapesada, levantada no século XVII sobre una estrutura anterior de orixe romana; e a Ponte Vella, de orixe medieval, formada por un tramo principal de cinco arcos de cantería e dúas arcadas de aliviadoiro para as épocas de enchentes, e que foi testemuña da batalla de Altamira, un dos episodios máis cruentos da disputa entre os Altamira e o arcebispo de Santiago polas terras da Maía.

Os bens que sí foron taxados foron os 34 cruceiros esparcidos polas terras amesás. En San Lorenzo de Agrón atópanse o cruceiro de Piñor que, debido ao seu mal estado está valorado en 1.413,47 €, e o da Igrexa, que con 4.240,40 € é o cuarto máis valioso de Ames. Trátase dun cruceiro sobre tres bancadas de sección cadrangular e base de gran tamaño, con incricións nas súas caras. Por outra banda, o único cruceiro da parroquia de Buduído ten un valor de 2.921,16 € e está en bo estado.

Na parroquia de Santo Tomé de Ames atópanse os cruceiros de Searez de Arriba (2.732,70 €), Oca (2.544,24 €), Pousada (1.884,62 €) e Vilar (1.790,39 €). Por último, o cruceiro de Lamas ten un estado de conservación moi malo: sitúase enriba dunda pena, está rodeado de maleza e está bastante deteriorado. Aínda así, o seu valor é de 1.696,16 €.

Os cruceiros menos valiosos son os de Eirapedriña (853,85 €) e Buceleiras (753,85 €), ambos en San Pedro de Bugallido. Ao mesmo tempo, esta parroquia conta con dous dos máis valiosos: o de Guimaráns (4.523,09 €), un cruceiro sobre tres bancadas de sección cadrada, base sinxela e unha cruz con imaxes da Virxe e do Cristo; e o cruceiro de Firmistáns (4.711,55 €). Tamén sitúase en Bugallido o cruceiro de Tarrío (2.921,16 €) e un peto de ánimas (2.591,35 €).

En San Xoán de Ortoño existen sete cruceiros: o Fornelo da Maguxe (976,23 €), o de Casaliño (1.036,54 €), os dous cruceiros de Sisalde, un valorado en 2.073,08 € e outro en 1.790,39 €; o do lugar do Santo (4.428,86 €), e o de Casa Rocamán (4.262,07 €). Por último, o cruceiro mellor valorado é o de Cantalarrana (4.900,01 €).

Os 13 cruceiros restantes atópanse dispersos por diferentes parroquias amesás: os de San Mamede (2.968,28 € o primeriro e 1.780,97 € o segundo), Covas (2.355,78 €), Vilouta (2.031,62 €), Rúa (1.978,85 €) e Vilaverde (1.799,81 €) en San Mamede de Piñeiro; os cruceiros de Frenza (1.863,89 €), a Mámoa (2.187,10 €) e Vilouta (2.198,41 €) en San Cristovo de Tapia; e os cruceiros de Trasmonte (4.010,47 €) e Carballo (1.141,14 €) en Santa María de Trasmonte. Finalmente, en Santa Mariña de Ameixenda sitúanse os cruceiros de Sura (1.130,77 €) e de Vilar (4.381,74 €); e na parroquia de San Estevo de Covas o cruceiro da Igrexa (3.140,72 €). A suma dos diferentes cruceiros de Ames alcanza un valor de 86.554,15 €.