A incorporación foi progresiva dende o 1 de setembro ata o 1 de outubro // Con moitas medidas de seguridade afrontan a volta con moito esforzo // “A alegría social de antes xa non está”, recoñece o director

O centro Avante retoma a actividade cos seus 26 usuarios tras meses de incerteza

Persoas con discapacidade
Lorena Rey
Ximnasia nas inmediacións do centro. Foto: Avante.

O centro Avante, Asociación de Persoas con Discapacidade de Val do Dubra, na parroquia de Niveiro, pechou as súas portas o pasado venres 13 de marzo con motivo da pandemia. Tras varios meses de inquietudes, os usuarios foron incorporándose de forma paulatina ata que o pasado xoves día 1 de outubro reuníronse todos.

Durante o confinamento, os profesionais enviaron material ás casas destas personas con diferentes necesidades. “O contacto telemático non funcionou pola xa coñecida fenda dixital. Hai persoas que non teñen conexión nos seus fogares ou mesmo non teñen móvil ou outro dispositivo”, conta Gabriel Göthlin, director do centro Avante. Deste xeito, cada semana entregaban e recollían posteriormente as tarefas para tras ser correxidas volverllas a entregar. A maiores os traballadores chamábanos constantemente para non perder a comunicación.

O martes 1 de setembro a metade dos usuarios incorporáronse ao centro. “Semanas antes estivemos traballando cos protocolos para poder facer as cousas o mellor posible e mantivemos sempre contacto coa Xunta e co Sergas para conseguir material”, di Gabriel. A selección de aquelas persoas que debían retornar antes ou despois fíxose tendo en conta as necesidades de cada un. “Algúns tiñan medo a volver por circunstancias de saúde ou familiares xa que moitos viven con persoas maiores”, afirma. Con protocolos sanitarios estrictos están atendendo dende este xoves aos 26 usuarios.

NOVOS HÁBITOS NO CENTRO. A volta ao centro ocupacional supuxo moita felicidade por parte dos usuarios e do persoal. “Foron meses raros. Estabamos acostumados a estar todos xuntos de luns a venres”, comenta. Agora a situación é diferente e deben seguir adiante con moitas limitacións como a de establecer grupos illados que non se poden misturar. No recreo uns saen á parte de atrás do edificio e outros á de adiante e as actividades fanse en grupos reducidos para gardar distancias. “É moito traballo para o persoal porque hai que repartirse. Traballamos sempre en parexas, un coordina a actividade e outro está de recurso”, di. Na asociación contan cunha finca con tres invernadoiros para a propia plantación de cultivos, que polo momento están pechados ao considerar que é un traballo físico non apto para realizar con máscaras.

“A alegría social de antes xa non está”, recoñeceu. Entre as limitacións está o feito de non poder ir a xogar ao golf nin facer ximnasia no Pavillón Municipal que permanece pechado. “Consideramos moi importante o realizar deporte polo que se non chove realizan exercicio ao aire libre”, menciona.

Coa recente incorporación dunha psicóloga son un total de 16 profesionais: doce fixos e catro subcontratados como é o caso da psicóloga, o fisioterapeuta, o monitor de ximnasia e a logopeda.

MÁIS MEDIDAS DE SEGURIDADE. Os usuarios deben poñer o cubrebocas ao subir pola mañá no transporte ata que chegan pola tarde ás súas casas, o que ven sendo unhas oito horas. No centro só a poden sacar para comer ao mediodía. En relación a isto, víronse na obriga de habilitar outro comedor para tomar a comida por turnos.

A maiores tamén houbo pequenos cambios nos horarios para que non todos cheguen e saian á mesma hora e haxa que facer filas e esperar. “Hai que ter en conta que cando entran hai que tomarlles a temperatura, mirar os síntomas, limpar o calzado e botarlle xel hidroalcólico nas mans”, explica.

Gabriel está moi sorprendido polo ben que está funcionando todo. “Creo que tanto os traballadores como os socios están a facer un esforzo moi grande porque queren estar aquí”, reflexiona.