O certame da Baña ‘Elas no outono’ tivo tres gañadoras

As galardoadas neste concurso fotográfico verán as súas imaxes no calendario 2023
Fotografía
Claudina Estévez
Aire puro, de Erica Blanco. Foto: E. Blanco

A Baña. Tres mulleres foron as gañadoras do concurso de fotografía Elas no outono que organizou a concellería de Cultura da Baña para reivindicar o papel da muller e ofrecer unha visión diferente da figura feminina durante o outono. As tres gañadoras foron Erica Blanco Rey, na categoría de persoa adultas, coa súa obra Aire puro, sacada na planta da antiga minicentral.

Na categoría de 12 a 17 anos o premio foi para a única imaxe presentada, Carballeira de Vilacoba con vistas a agra e o río Tambre, de Antía Iglesias Güimil. Contrastes é o título da foto presentada por Iria Paredes Blanco no apartado de 6 a 11 anos. A imaxe foi sacada en Vilar de Cima, na parroquia de Corneira.

Estas tres fotografías formarán parte do calendario 2023 do Concello da Baña, xunto a outras nove que participaron no concurso e que foron seleccionadas polo xurado, que estivo composto pola concelleira de Cultura, Lorena Trillo, o fotógrafo bañense Javier Iglesias, e o director da axencia de comunicación Alicentis, Juan Martínez. O tribunal destacou o número de traballos presentados ao certame, un total de 22 imaxes, e a variedade temática. “É un primeiro paso para pór en valor ás mulleres da Baña e todo o bo que temos que ofrecer no noso concello”, dixo Lorena Trillo. C.E.