Obra de teatro co amo da comedia galega, Federico Pérez, dende Bertamiráns

Teatro
Marcos Manteiga
Santi Romay, esquerda, e Federico Pérez nun momento de ‘O montacargas’. Foto: Ainé P.

A Maía. O público amesán terá a ocasión de desfrutar dun dos amos da comedia galega, o inefable Federico Pérez (Era visto) que, xunto a Santi Romay, protagonizará a obra de teatro do absurdo O montacargas, da compañía Ainé Producións, este venres en Bertamiráns a partir das 20.30 horas.

A historia, adaptada por Evaristo Calvo, dura 55 minutos e mestura o humor co horror. Aínda quedan entradas dispoñibles que se poden mercar na billeteira electrónica (accesible dende a páxina web municipal). A entrada xeral ten un prezo de catro euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan dous euros.

O montacargas é unha obra teatral, escrita nun só acto por Harold Pinter en 1957, cuxa historia transcorre arredor de dous homes, Ben e Gus, que comparten vivencias pechados nunha estancia miserable. m.m.