Os populares de Teo tachan de “insuficiente” a nova iluminación da ponte medieval de Pontevea

Oposición
Alba Prada
Imaxe do estado actual da ponte de Pontevea enviada polo PP de Teo. Foto: PP Teo

TEO. Os populare de Teo tachan de “insuficiente” a nova iluminación da ponte medieval de Pontevea. O Concello de Teo prevé inaugurar

oficialmente este luns, ás 22.00, “o que denomina como iluminación da ponte medieval de Pontevea”, declaran dende o PP. Insisten en que o goberno local “convida aos veciños a presenciar o seu acendido para ver como a ponte máis representativa de Teo brillará máis ca nunca”. Tras percorrer a zona xunto a concelleiros do seu partido, o voceiro dos Populares de Teo, José Manuel Guerra, mostra a súa estupefacción ao comprobar que, “en realidade, se trata unicamente de renovar tres focos que xa existían e tan só nun dos lados da ponte... e iso que Cultura de Teo fala de varios meses de traballos para a instalación desa iluminación”, apostilla.

Guerra insiste en que tamén se pode observar un “notable estado de abandono” na ponte de Pontevea, “cunha fonda fochanca na súa entrada desde Pontevea e zarzas e maleza nos muros. Por todo isto considera que “o Concello vai bater hoxe (por este luns) unha auténtica marca ao convocar todo un acto de inauguración pola reposición de tres focos”. Ademais lembra que o PP “leva pedíndolle ao Concello desde hai 10 anos que revitalice e humanice a súa contorna”.

Ante ditas declaracións a Corporación municipal indicoulle a este xornal que se colocaron catro proxectores de iluminación arquitectónica, cada un deles de 180 watios. “Dita instalación recibiu o visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio”, asegura o goberno local.

Dende o Concello convídaselles a que asistan este luns ao acto organizado coa veciñanza da zona, “e que vexan o ben que quedaron”. Reiteran que dende o goberno local “prestámonos a calquera acordo de colaboración entre concellos e a Xunta para o acondicionamento dunha ponte compartida entre Teo e A Estrada”. a.p.