Recibiron un total de 131.707 euros da Xunta para desenvolver proxectos no marco da campaña ‘O teu Xacobeo’ os concellos das comarcas de Santiago, Ordes, Costa da Morte e Barbanza // As propostas son variadas e abarcan exposicións, ciclos culturais, carreiras populares ou festivais de música TEXTO Alba Prada

Plans para poñer en valor o Camiño

Xacobeo
Alba Prada
Actividade ‘Camiño das Estrelas’ no marco do proxecto vedrés ‘Camiño de Ciencia’, realizada durante as pasadas datas de Nadal ao abeiro das subvencións da Xunta de Galicia ‘O teu Xacobeo’. Foto: Concello de Vedra

A Xunta vén de resolver a segunda edición de O teu Xacobeo para osconcellos, unha proposta a través da cal se ofrece apoio a 16 proxectos na provincia con axudas que ascenden a máis de 180.000 €. No caso concreto da área compostelá, as achegas implican a un total de 13 (dos 16) e a cantidade destinada a subvencionar as propostas é de 131.707 euros.

Os municipios das comarcas de Santiago e de Ordes que foron beneficiados coas aportacións deste programa foron Boqueixón (10.398,68 €); Teo (6.806,25 €); Ordes (1.297,80 €); A Baña (5.700 €); Vedra (15.000 €); Melide (7.200 €) e Padrón (15.000 €). Vimianzo recibiu 12.000 euros e é o único municipio de Costa da Morte que desfruta desta subvención. Xa nas zonas do Barbanza e Noia-Muros hai que nomear a Ribeira (9.275,31 €); Noia (18.413,10 €); Boiro (16.687,31 €); Carnota (4.093,98 €) e Muros (9.835,80 €).

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, salientou que O teu Xacobeo representa “o carácter participativo, descentralizado e sustentable dun Ano Santo no que a cidadanía é a protagonista, xa que os concellos son os encargados de difundir os valores do Camiño de Santiago por toda Galicia”.

A proposta, segundo explica o delegado territorial, pretende dinamizar os concellos que forman parte da Vía da Prata-Camiño do Sueste achegando un impulso ao diálogo entre a totalidade dos municipios polos que pasa o Camiño. Deste xeito, “apóstase por darlle voz á poboación máis nova para que sexa esta a encargada de recompilar as historias e experiencias que se xeran ao longo da Ruta Xacobea”, apunta.

Con todo, recalcan dende o Goberno galego que tamén hai axudas dirixidas a proxectos formulados por entidades locais. “A meirande parte destas iniciativas permitirán mobilizar recursos locais, fomentarán a innovación e o uso das TIC’s e farán especial énfase na promoción de artistas ou creadores galegos”, indica Gonzalo Trenor.

Nos proxectos subvencionados nas liñas 2 e 3, é dicir, os destinados a empresas e a entidades sen ánimo de lucro, hai 38 que afectan a máis dunha provincia (27) ou a toda Galicia (11). Na súa maioría son iniciativas tuteladas por fundacións ou universidades que fan referencia a diferentes rutas ou camiños, propostas dirixidas a centros educativos ou actuacións no patrimonio que abranguen varias provincias ou a totalidade da comunidade galega.

Mesmo hai unha proposta “que comparte a provincia de Lugo coas comunidades autónomas de Asturias e Cantabria”, engade ó respecto o representante autonómico.

A segunda edición de O teu Xacobeo permitirá desenvolver un total de 220 proxectos orientados a dinamizar a programación sociocultural do Xacobeo 2021-22, destinando un investimento de case 3,3 millóns de euros en toda Galicia. Tras a resolución da concesión, os beneficiarios veñen de comezar a desenvolver os seus proxectos, para o que contan de prazo ata o vindeiro mes de setembro, despois da concesión dun adiamento por mor da COVID co obxectivo de que poidan dispor de máis tempo para levalos a cabo.

Segundo a Xunta, “esta segunda edición volveu resultar un éxito de convocatoria, con case un milleiro de proxectos presentados, que permitirán mobilizar un orzamento de 5,8 millóns de euros”, concretan. Todo un “impulso descentralizador”.