A Xunta financiará as redes de distribución eléctrica, un gasto que ata o momento complicaba o proxecto ao ter que ser asumido polos empresarios // O Concello tramita actualmente o plan urbanístico do parque empresarial TEXTO Alba Prada

Polígono industrial para Vedra cunha axuda de 702.000 euros

Obras
Alba Prada
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, á esq., e o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, na zona do futuro polígono. Foto: Xunta

Vedra terá polígono industrial, unha demanda que viña de lonxe e que ata o momento non vía a luz por falta de axudas. Agora será moi pronto unha realidade grazas a un investimento da Xunta de 702.000 euros para a mellora das súas redes de distribución eléctrica. E é que segundo relata o alcalde, Carlos Martínez, este era o punto problemático, posto que os empresarios non podían asumir os gastos do reforzo da liña.

Concretamente levaranse a cabo traballos de reforzo, adecuación, adaptación e reforma das instalacións da rede de distribución existente en servizo para incorporar as novas instalacións. O prazo de execución será de nove meses desde o inicio do mesmo. Esta nova liña permitirá executar un total de tres proxectos na provincia da Coruña en parques empresariais dos concellos de Vedra, Coirós e Aranga. En total, prevese mobilizar 2,3 millóns de euros a través destas iniciativas que contribuirán a garantir a seguridade e a calidade do servizo, unha vella demanda por parte das empresas. As axudas concedidas aos tres concellos coruñeses cubrirán o 80% do investimento, máis de 1,8 millóns de euros, e poden beneficiarse de anticipos de ata o 50%, segundo relatan dende a Xunta.

Ata o lugar no que se ubicará o futuro polígono industrial vedrés acudiu o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, que asegurou que un dos obxectivos do Goberno galego pasa por “fortalecer o tecido empresarial e mellorar as infraestruturas da comunidade impulsando a súa competitividade”. Este ano, explicou Trenor, ás ordes de axuda xa coñecidas de mellora das infraestruturas dos polígonos empresariais da provincia e de creación de viveiros empresariais, “engadimos unha nova liña de apoios para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica á que se destinan catro millóns de euros entre os anos 2020 e 2021”.

Esta orde de axudas ten por obxectivo cubrir as necesidades dos parques empresariais de contar con abastecemento de enerxía eléctrica para axudar as empresas a mellorar a súa seguridade e a súa competitividade “algo moi necesario nestes momentos”, engadiu o delegado territorial. Para a selección dos beneficiarios a Xunta tivo en conta criterios como a superficie do parque, o nivel de ocupación, a poboación do municipio ou que se trate dun concello emprendedor. E así no caso da Coruña foron seleccionados os de Vedra, Coirós e Aranga.

Este ano tamén se destinan máis de 852.000 euros a nove proxectos que melloran as infraestruturas de nove parques en concellos galegos que mobilizarán máis de 1,1 millóns de euros e 238.000 para a construción dun viveiro industrial en As Somozas, que mobilizará 297.000 euros de investimento, lembran dende o Goberno galego.

Vedra recibe así, en verbas do rexedor, “unha gran noticia”, e tamén os empresarios, que ata o momento se viñan atrás por non poder asumir os gastos da rede eléctrica. Agora agardan no 2022 recibir as primeiras solicitudes de empresas que queiran instaurarse no polígono, que de momento está a tramitar o plan urbanístico. Máis tarde prevese pór en marcha o plan de sectorización e “en ano e medio arrancar as obras de urbanización”.