Presentación de iniciativas para o Plan de Emprego Local da Deputación ata o vindeiro día 25 en Ames

Comercio
Marcos Manteiga
Establecementos comerciais na rúa Agro do Medio, situada no centro do Milladoiro. Foto: CG

Ames. O Concello amesán vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para o Plan de Emprego Local, que lanza a Deputación, ata o vindeiro día 25 de novembro. O obxecto destas bases é regular as axudas a conceder como municipio adherido ao Fondo de Financiamento promovido pola Institución provincial, e que foron aprobadas coa finalidade de darlle pulo á actividade económica e o emprego no termo municipa e contribuír a paliar na medida do posible os danos derivados da pandemia da covid nas microempresas e autónomos. En concreto, para a capital maiá prevense un total de 582.547 euros. Este Fondo de Financiamento constitúese cun 80 % de achega da Deputación da Coruña e un 20 % financiado con fondos propios municipais. Deste xeito, o Concello de Ames achega 116.509 euros e a Administración coruñesa concede outros 466.038 €. A finalidade das axudas é facilitar medios ás microempresas e persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que teñan o seu domicilio fiscal no termo. Cómpre lembrar que a Corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno ordinario do pasado mes de agosto o crédito extraordinario por valor de 116.509 euros, unha modificación que financiarase co remanente das baixas por anulación de actuacións que non se van desenvolver no exercicio 2020. Con carácter xeral, aos beneficiarios non se lles permitirá ter débeda ningunha co Concello. Ademais, deberán estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma de Galicia, pero tamén coa Deputación da Coruña, sen esquencer á AEAT e TXSS. Como requisito das persoas xurídicas, establécese que a data de constitución da empresa, atendendo á data de primeira inscrición, no rexistro público correspondente, debe ser anterior á entrada en vigor do Real decreto 463/2020, que data do 14 de marzo. M. Manteiga