Reclaman que a Xunta asuma o bus de Ortoño e elixa como repoñelo

No tripartito amesán ínstanlle a convenialo con Santiago, licitalo ou metelo no Metropolitano
Transporte metropolitano
Marcos Manteiga
Foto de arquivo do bus metropolitano a Milladoiro. Foto: A.H.

O tripartito de Ames volve a xirar a torca na súa lamentábel relación coa Consellería de Mobilidade. Así, no pleno deste xoves sacará adiante coa súa maioría unha moción sobre a recuperación da liña de bus entre Ortoño e a capital galega que volve a desoír o mandato da Xunta. Ademais, no só pretenden que o Executivo galego asuma a “súa competencia”, e que recupere o servizo, senón que o faga cun convenio con Santiago (foi a fórmula elixida entre ambos municipios), que o licite ou modifique o Transporte Metropolitano para encaixalo.

Así as cousas, tanto a oposición popular como a propia Consellería lle lembraban ao rexedor que este servizo é froito dun convenio intermunicipal –que non puideron ou quixeron renovar– de hai catro anos mediante o que se extendeu o bus urbano dende Compostela. E que polas súas características non se pode incluír no Transporte Metropolitano, xa que perdería paradas. Pero dende a administración municipal cren que a competencia non é súa.

E hai máis: o BNG, PSOE e Podemos tamén lle solicitan á Dirección Xeral de Mobilidade que lles remita os informes e expedientes onde consten os motivos polos que en 2017 non sacou adiante o anteproxecto de explotación da presente liña, pero tamén que informe ao Concello de Ames de cales foron os motivos polos que non se incorporou esta liña nos novos contratos fixados o ano pasado.