Reclaman un cribado para Brión debido á incidencia da COVID

Roldan os cincocentos casos por cen mil veciños, di o Bloque // O Concello respostoulle nas redes
COVID-19
O.D. Vilar
O alcalde de Brión, esquerda, con vicepresidente Rueda e o director de Emerxencias. Foto: CB

A situación da pandemia por COVID en Brión, con 43 novos contaxios entre os seus 8.000 veciños e unha incidencia de case 500 por 100.000, fai urxente un cribado por parte do Sergas, segundo o BNG, polo que os nacionalistas veñen de presentar por rexistro a solicitude para que a alcaldía insista nesta necesidade. E o curioso é que o executivo local optou por darlle nas redes unha resposta, máis longa que a petición e que pouco aporta (aparte de aledarse vía Facebook da ralentización dos casos).

Así as cousas, o Bloque comeza referíndose a necesidade de que a alcaldía insista na urxencia dese cribado, ante un posible “aumento descontrolado” nas vindeiras xornadas. Tamén animan a o rexedor debutante a que “adopte todas as medidas necesarias dentro das súas competencias” para frear a expansión do coronavirus, e que recabe diante do Sergas “información actualizada”, insistindo tamén na prevención.

E o caso é que o goberno do PSOE contestou por Facebook antes de que lle chegase ao BNG o seu parecer por canle oficial. E fíxoo aludindo a que ninguén está desatendido; dan información e que, aínda que aplauden o cribado, teñen claro que hai concellos prioritarios con “peores índices”. Respecto a medidas concretas, din que “non hai ningunha indicación a prol do peche dos parques e zonas de xogo nin da prohibición” de actividades interiores.